Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Intensa fin de semana en Carballo: combinamos o Día o Libro coa fin de Primavera enDanza, con citas deportivas, exposicións... en abril, citas mil!

VENRES

Cía Mar Gómez presenta Pollen Paradise

Cía Mar Gómez presenta Pollen Paradise

Masterclass con Abdelkader Bouguerroudj. Instalacións deportivas do Chorís. De 18.00 a 20.00 h. O coñecido atleta argelino Abdelkader Bouguerroudj, gañador de infinidade de probas e un dos rivales más duros a batir nas carreiras populares galegas, Kader, como se fai chamar para os amigos, foi o invitado de honor na pasada II edición da Carreira de 2en2 , que con ánimo de pasalo moi ben luciu a camiseta do club Atletismo Carballo. Agora visita o lugar de entreno de Atletismo Carballo para compartir todos os seus segredos e os valores no deporte. Sen dúbida será unha tarde moi amena e divertida. Entrada libre.

Danza. Cía Mar Gómez Pollen Paradise. Pazo da Cultura. 21.00h. Pollen Paradise son historias de amor independentes que evocan a idea do paraíso, unha viaxe humorística e poética cara os imperfectos lugares que creamos as persoas por amor e desexo.   É un privilexio que cerre Primavera enDanza a compañía Mar Gómez, que leva máis de 20 anos de traxectoria profesional cunha liña de traballo moi persoal, onde o teatro danza, o uso do sentido do humor, o xesto e un traballo coreográfico excepcional que fan desta compañía unha das máis importantes na danza contemporánea. Duración prevista do espectáculo 75 minutos. Entrada 4€ (3€ entrada reducida).

Exposición benéfica Non me abandones do Grupo Crea Formas. Cafetaría Narúa. 21.30 h. Os creadores e creadoras da Asociación Crea Formas unen os seus esforzos para organizar unha mostras benéfica. Antonio Taracido, Isa Fernández, Santi Picos, Tomas Luna, Emi de las Heras, Cristina Castro, María José López, Mon Lendoiro, Milos Cotelo Rama, Esther Chamoso Lázaro, Teresa Candal, entre outros moitos, ofrecerán o mellor do seu traballo para que o recadado se destine á Asociación Amigos de los Perros de Carballo. Non faltedes e colaborade por unha boa causa. Entrada libre.

SÁBADO

Nacho Casado actúa no Curruncho Pop

Nacho Casado actúa no Curruncho Pop

Apertura da exposición Scripta Manent. Biblioteca Rego da Balsa. 10.00 h. Con motivo do Día do Libro, inauguramos na Biblioteca Rego da Balsa a exposición Scripta Manent, que versa sobre a historia do Libro, organizada polo IES Alfredo Brañas, que cede materiais tan interesantes como carteis e ilustracións, diferentes obxectos antigos de escritura e ata facsímiles de libros antigos. Unha recompilación ben interesante levada a cabo polo profesorado e alumnado deste centro educativo. O público asistente tamén poderá gozar nese mesmo día e nos consecutivos doutras exposicións situadas nas nosas instalacións, como pode ser a das obras creativas do alumnado do Obradoiro de Ilustración impartido por Mon Lendoiro, ou ben desfrutar coa mostra bibliográfica Canta Bichería!, unha selección de libros con motivo da celebración da Semana do Libro e da Lectura, na que os animais serán os protagonistas deste XVII Salón do Libro. Entrada libre.

Obradoiro de bookfolding. Biblioteca Rego da Balsa. 11.30h. A Biblio celebra o Día do Libro realizando un obradoiro de "bookfolding". O Bookfolding ou Folded Book Art é a técnica de realizar figuras tridimensionais mediante o dobrado das follas dun libro. É unha forma divertida de reutilizar libros antigos e darlles outra finalidade converténdoos en obras de arte. Esta figura tridimensional faise simplemente dobrando os dous cantos de cada páxina. Non é necesario ningún corte, pegado, ou material especial. Podes elaborar desde as máis sinxelas e minimalistas figuras ata palabras, números ou incluso formas. Para todos os públicos (a partir de 14 anos). Inscrición previa na Bilbioteca. Entrada libre.

Curruncho Pop. Concerto de Nacho Casado (La familia del árbol). Biblioteca Rego da Balsa. 20.30 h. O programa Curruncho Pop ofrece unha nova entrega dos seus concertos. Desta volta con Nacho Casado, que, xunto con Pilar Guillén, son os protagonistas de La Familia del Árbol, proxecto que se deu a coñecer co seu disco de debut La Montaña y el Río (Mushroom Pillow) no 2011, e disco xa aclamado no seu momento coma un dos mellores traballos de pop-folk feitos até ese intre. No 2015 edítase o segundo traballo Odisea (Cydonia Records), disco gravado no estudio de Josh Rouse cheo pop e folk psicodélico, elegante e intimista, moi intimista. Entrada libre.

DOMINGO

Primavera en ruta. “Coristanco histórico”. 9.15 h. Senda Nova propón oito percorridos por Carballo e a contorna para coñecer mellor a nosa paisaxe e o noso patrimonio. O domingo 24 de abril é a quenda da ruta Coristanco histórico. Conta con 21 quilómetros de lonxitude e transcorre polo Concello de Coristanco seguindo unha vía romana e cruzando a Ponte Lubiáns. Supón un percorrido polo rico patrimonio paisaxístico, arqueolóxico e histórico das parroquias de Seavia, Ferreira, Couso e Cuns. Ten dificultade media. Podedes inscribirvos até dous días antes de cada roteiro. Inscricións e +info no 696 155 232. Tamén de 9.30 a 13.30h. en Protección Civil no antigo ambulatorio de Carballo e no Pazo da Cultura de 17.00 a 20.00h. O prezo para participar para os non socios é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade.

1º Festival de Ludijudo. Pavillón Vila de Noia. De 10.00 a 14.00 h. O Pavillón Vila de Noia da capital municipal acolle o 1º Festival de Ludijudo, unha cita dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos organizada polo Concello a través de Carballo Deporte coa colaboración de Judo Bergantiños, a Federación Galega de Judo e Cruz Vermella. Haberá actividades de judo pé, judo chan. inchables, manualidades, un circuíto... todo para que os nenos e nenas pasen unha xornada divertida coas súas familia. Entrada libre.

Inauguración da XI Semana do Libro e a Lectura. Pazo da Cultura. 12.00 h. O auditorio do Pazo da Cultura acolle o acto de inauguración da XI Semana do Libro e a Lectura. A cita contará coa actuación de Os Tres Tenedores, un grupo de música e humor especialmente dirixido ao público infantil. Ademais, os nenos e nenas de 1º de Educación Primaria CEIP Canosa-Rus homenaxearán a Manuel María con motivo dobre: non só pola celebración o sábado 23 de abril do Día do Libro, senón tamén porque o Día das Letras Galegas está dedicado a este autor. A continuación o grupo Bicadela de 6º de Educación Primaria do CEIP Fogar realizará unha representación de teatro con O galo Quicorico. Entrada libre

Baile para a Terceira Idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. Os maiores de Carballo tamén teñen a súa festa as fins de semana. O salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura acolle de 18.00 a 21.00 horas un baile con música para a terceira idade. Entrada libre.

EN CURSO

oDesexo pode visitarse até o 8 de maio

oDesexo pode visitarse até o 8 de maio

Exposición artística oDesexo. Andar 3 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A sala Alberto Gende do Pazo da Cultura acolle unha nova mostra artística, neste caso con pinturas e esculturas de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro. O primeiro é un pintor de referencia cunha longa carreira na que cabe destacar a súa pertenza ao grupo NOME (fundado en 1986). Aborda o seu traballo coas máis diversas posibilidades técnicas, case sempre combinadas. Xoán Pardiñas tamén pertence ao grupo NOME, do que foi co fundador. Participa en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas das que cómpre salientar “Unidos pola arte” en 2012 na capital galega. Por último, Fernando Riveiro é un artista autodidacta interesado na arte-lixo e no collage. Inicia a súa andaina expositiva a mediados dos anos oitenta. Se queredes aproveitar esta oportunidade inmellorable para gozar con eles, no deixedes de pasar polo Pazo da Cultura. Entrada libre.

Exposición literaria e artística Catálogo. Andar -1 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A mostra Catálogo  forma parte dun proxecto expositivo de catro creadores e creadoras da comarca, Rosalía Fernández, Chiña, Paco Souto e Mon Lendoiro, que pretenden axitar a vida cultural da Costa da Morte. Sendo a súa premisa a interacción entre as artes, neste proxecto inverten a habitual relación entre ilustración e texto no proceso creativo, sendo aquela xerme e pretexto deste. Catálogo forma parte dun proxecto expositivo itinerante que inclúe o recitado de poemas ao vivo. O peche da exposición está previsto para o domingo 24 de abril. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica