Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Xa temos a sección oficial do III Carballo...

Compartir:

Xa temos a sección oficial do III Carballo Interplay: 36 webseries compiten polos premios!

Propostas de Arxentina, Nova Zelanda, EEUU, Canadá, Francia, Alemania, Reino Unido, Italia, Suíza, España e Galicia: os días 5, 6 e 7 de maio

Night School compite na sección internacional

Night School compite na sección internacional

Un total de 36 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da terceira edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio e que repartirá máis de 5.000 euros en premios. O comité de selección, conformado por seis persoas de diferentes ámbitos do sector audiovisual e da rede elixiu, entre máis de 122 propostas chegadas de todo o mundo, un total de 9 webseries galegas, 15 do resto do Estado e 12 do resto do mundo. Entre as internacionais hai webseries de Arxentina, Nova Zelanda, EE.UU., Canadá, Francia, Alemania, Reino Unido, Italia e Suíza. 30 delas competirán polo premio á mellor webserie de imaxe real e 6 á de animación, 12 ao premio á mellor webserie internacional e 7 á de versión orixinal en galego.

O Carballo Interplay ofrecerá, así, unha completa panorámica do que se está a cocer no mundo das webseries a nivel global. O humor terá unha presenza abrumadora (28 das 36 webseries finalistas son comedias), pero as temáticas son moi variadas: ciencia ficcción, viaxes, aventura, sátira política... Tamén haberá oco para o drama, o documental e o thriller. E, por suposto, un amplo abano de mesturas e de experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.

As 36 webseries finalistas proxectaranse en seis bloques -un de versión orixinal en galego, dous internacionais e tres do Estado- nas tardes do xoves 5, do venres 6 e do sábado 7, no Auditorio de Carballo. Cada bloque terá unha duración de entre unha hora e unha hora e cuarto e a entrada, como en todas as actividades do Festival, é libre e gratuíta até completar aforo.

As finalistas

A actriz carballesa Alba Bermúdez participa nunha das webseries galegas nominadas: Dalle Jas con Triatreros

As webseries galegas elixidas son: PIB (Produto Interior Bruto), Gafas e Pallaso, Dalle Jas, Chola&Lola, Veciños, Poetarras, Teño unha horta en San Sadurniño, Orfanato Atroz e El método sueco (estas dúas últimas, en castelán). As do resto do Estado son: Briget Jon de Triana, Beto, Rubia en apuros, Dos más dos cinco, La Supercafetera, Viveylate, Waytrippers, Pedro Reyes for president, Niño Ratón, El Colega Canario, El Partido, Crisis Cartoons, Breaking Bed, Black Stuff e Les coses grans. E as do resto do mundo son: Whatever Linda, Mundillo, Instrucciones para humanos, Zozo "The Fugitive Of The Space", Aventuras de corazón roto, K Rd Stories, Night School. The Web Series, Emmas Welt, El Caso Q, Arthur, The MUTE Series e Status.

O xurado

Yolanda Muíños presentará a gala de entrega de premios

Yolanda Muíños presentará a gala de entrega de premios o 7 de maio

As seis persoas encargadas de elixir as webseries gañadoras serán Noel Ceballos, xornalista especializado en cultura popular; Miriam Hernanz, directora do Lab de RTVE.es; Niko Gómez, creador de Cálico electrónico, a webserie de animación máis relevante dos últimos 10 anos; Carlota Núñez, unha das youtubers galegas máis seguidas; Araceli Gonda, en representación da Asociación Galega de Guionistas; e Jorge Coira, en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia. O resultado da súa deliberación coñecerase na gala de clausura, que será conducida pola coñecida actriz Yolanda Muíños, o sábado 7 de maio ás 20h, no Pazo da Cultura.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica