Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

A choiva non impide que vivamos a primavera a tope; cruzamos o ecuador de abril con danza, hockey, billarda, monólogos...

VENRES

Antioedipus aut homunculus

Antioedipus aut homunculus

Danza. Javier Martín Antioedipus aut homunculus.  2º andar. Pazo da Cultura. 20.00h. Antioedipus aut homunculus é un proxecto performático de improvisación a nivel de movemento no que a peza crece e cambia ao enfrontarse sucesivamente ao público ata o día da súa estrea e morte. Javier Martín, creador e intérprete galego de danza contemporánea, colabora e aprende con artistas e científicos do panorama actual para desenvolver a sensibilidade no corpo e acadar unha maior conciencia do movemento. Estade atentos e atentas con este espectáculo, xa que non só adianta unha hora o seu comezo con respecto do seu horario habitual para as 20.00 h., senón que tamén muda de espazo para o salón de actos do 2º andar. A cita está patrocinada pola Deputación da Coruña, por iso é de balde.Entrada libre.

SÁBADO

David Perdomo

Coñece o teu Concello: ruta ciclista por Ardaña e Rus.  16.30 h. O Club Ciclista Carballo pecha os seus percorridos polo noso municipio cunha ruta en bici que discorre en parte por unha ruta de sendeirismo. Dende a saída na Praza do Concello o vaise cara ao Bosque do Añón, circulando en paralelo ao Anllóns ata a Rúa Ameneiros, cruzando cara a Brea e baixando ata Aspaber. Continúase a través da ruta das Férvedas ata o cruce que leva cara a Vivente. Alí continúase de frente, abandonando a Ruta cara a Barreiro, seguendo logo pola pista que pasa por diante da igrexa parroquial de Ardaña e que leva cara Quintáns. Crúzase dito núcleo e tras varios quilómetros enlázase novamente coa Ruta de sendeirismo, que continúa ata Nogareda. Dende alí a ruta transcorre cara a igrexa de Rus, para logo continuar por estrada ata a Férveda de Rus. O regreso realízase polas mesmas pistas do camiño de ida. Lonxitude: 19 quilómetros. Dificultade baixa. Aínda que a saída é ás 16.30h. recoméndase estar na Praza do Concello dende media hora antes. De balde.

Monólogo de David Perdomo. Sala Dublín.  23.00 h. Se queredes animar a vosa noite do sábado non tendes máis que achegarvos á Sala Dublín para ver o monólogo do coñecido actor, músico e humorista David Perdomo. A súa popularidade foi crecendo en Galicia debido ás súas esporádicas aparicións na televisión autonómica e polos seus coñecidos e improvisados monólogos. No ano 2009 comeza a traballar xunto a Xosé Touriñán e Roberto Vilar en Land Rober. No ano 2010 a súa popularidade dispárase grazas a unha webserie na que interpreta a diversos personaxes entre os que destaca "Koruño". Agora chega a Carballo para presentar o seu monólogo Crudo. Non faltedes á vosa cita coas risas! Entrada 5 €.

DOMINGO

Open de Billarda

Primavera en ruta. “Costa agreste de Cerqueda e Cambre”. 9.15 h. A Primavera en Ruta de Senda Nova cumpre sete anos e, despois do aprazamento de varias rutas a causa do mal tempo, espera arrincar este domingo 17 de abril cun percorrido por Cerqueda e Cambre. De 17 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello de Malpica e é a única ruta costeira e circular, con saída e chegada en Cambre. Pasa a carón de Cerámicas El Progreso e visita os Muíños de Ardeleiro, moi próximos ao mar, ademais de ofrecer a oportunidade de ver a carballeira máis cercana ao mar de Europa.  Dificultade media-baixa. Inscricións e +info no 696 155 232. Tamén de 9.30 a 13.30h. en Protección Civil no antigo ambulatorio de Carballo e no Pazo da Cultura de 17.00 a 20.00h. O prezo para participar para os non socios é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade.

Aberto de Billarda. Barrio do Chorís. 11.00 h. O barrio do Chorís (Avenida de Bergantiños) acolle a celebración dun Aberto de Billarda que se corresponde coa décima xornada da Conferencia Noroeste para a tempada 2015/2016. Se chove, xogarase no Pavillón Vila de Noia. A cita está organizada pola Conferencia Noroeste de Billarda coa colaboración do Concello.Entrada libre.

Danza en familia. Traspediante presenta Up2Down. Pazo da Cultura. 18.00h. Os máis cativos e cativas poderán gozar da danza a través do espectáculo Up2down da compañía Traspediante. O movemento, o clown, o funambulismo e o propio baile serán o elementos principais desta peza coreográfica de danza e circo. Dúas bailarinas interpretan personaxes definidas polo seu antagónico: o alto e o baixo. A funambulista etérea e a ideal pallasa terreal e mundana crean un universo singular. As entradas poden reservarse no teléfono 981 704 300. Entrada 3€; 2€ (con descontos especiais).

Baile para a Terceira Idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. Os maiores de Carballo tamén teñen a súa festa as fins de semana. O salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura acolle de 18.00 a 21.00 horas un baile con música para a terceira idade. Neste caso contarán coa actuación do Dúo Diamante. Entrada libre.

SÁBADO E DOMINGO

Final 4 de Hóckey

Final 4 de Hockey a patíns. Pavillón Carballo Calero. A capital municipal acolle a celebración da Final Four de hóckey sobre patíns na que participa o club carballés Escola Lubiáns Calvo. O equipo conseguiu clasificarse para disputar a Final Four despois de eliminar ao Ordes na rolda de oitavos de final. O equipo de Carlos Loureiro venceu nos dous encontros ao seu rival. O sábado o Lubiáns Calvo xoga ás 19.45 h. aínda que o primeiro encontró é ás 18.00 h.; o domingo o Lubiáns Calvo comeza ás 10.45 h., e pola tarde xoga ás 19.15 horas. Ademais, o sábado pola tarde celébrase unha mini Final Four en categoría benxamín a partid das 16.00 horas co Lubiáns Allnet xogando ás 16.50 h. A final sería o domingo ás 16.30 horas. Non faltedes á vosa cita co hóckey. Entrada libre.

EN CURSO

A mostra

A mostra "Catálogo" pode visitarse até o 24 de abril

Exposición artística oDesexo. Andar 3 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A sala Alberto Gende do Pazo da Cultura acolle unha nova mostra artística, neste caso con pinturas e esculturas de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro. O primeiro é un pintor de referencia cunha longa carreira na que cabe destacar a súa pertenza ao grupo NOME (fundado en 1986). Aborda o seu traballo coas máis diversas posibilidades técnicas, case sempre combinadas.  Xoán Pardiñas tamén pertence ao grupo NOME, do que foi co fundador. Participa en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas das que cómpre salientar “Unidos pola arte” en 2012 na capital galega. Por último, Fernando Riveiro é un artista autodidacta interesado na arte-lixo e no collage. Inicia a súa andaina expositiva a mediados dos anos oitenta. Se queredes aproveitar esta oportunidade inmellorable para gozar con eles, no deixedes de pasar polo Pazo da Cultura. Entrada libre.

Exposición literaria e artística Catálogo. Andar -1 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A mostra Catálogo  forma parte dun proxecto expositivo de catro creadores e creadoras da comarca, Rosalía Fernández, Chiña, Paco Souto e Mon Lendoiro, que pretenden axitar a vida cultural da Costa da Morte. Sendo a súa premisa a interacción entre as artes, neste proxecto inverten a habitual relación entre ilustración e texto no proceso creativo, sendo aquela xerme e pretexto deste. Catálogo forma parte dun proxecto expositivo itinerante que inclúe o recitado de poemas ao vivo. O peche da exposición está previsto para o domingo 24 de abril. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica