oDesexo invade Carballo coas esculturas e pinturas de tres artistas de renome
Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro amosan o seu traballo nunha mostra conxunta que poderá verse até o 8 de maio
Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro
Poesía e arte van da man na exposición "oDesexo". A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello organizan esta cita que, segundo explica Paco Souto, secretario da entidade malpicana, "é o froito de tres obras absolutamente diferentes, cada unha moi persoal", creadas polos artistas Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro. Non obstante, Souto aclara que á vez "teñen moitas referencias comúns porque hai moita vida entre estes tres pintores".
Pero ademais de ser produto do maxín destes tres creadores, "oDesexo" tamén é un catálogo no que está presente a obra de trece dos quince poetas que até o momento teñen publicado na Asociación Cultural Caldeirón, porque a exposición estaba pensada para conmemorar os dez anos do Premio de Poesía erótica Illas Sisargas que se selebrou o pasado novembro. Ao final non pudo ser nesa data, pero a mostra segue "a celebrar oDesexo", subliña Souto, que engade que "o importante é que a xente de Carballo poda gozar con esta obra fantástica". A escultura e a pintura conforman esta exposición a cuxa inauguración, ademais de Souto, asistiron tanto Xulio Maside como Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro.
A mostra pode visitarse até o 8 de maio no 3º andar do Pazo da Cultura, de luns a venres de 18.00 a 21.00 horas.
Os creadores
A mostra pode visitarse de luns a venres de 18.00 a 21.00 horas
Respecto dos autores, Xulio Maside é un pintor de referencia cunha longa carreira na que cabe destacar a súa pertenza ao grupo NOME (fundado en 1986). Interesado pola problemática social dos artistas, preside durante os anos 70 e 80 a Asociación Galega de Artistas Plásticos. En 2015 tivo lugar unha fantástica mostra antolóxica no Auditorio de Galiza. Aborda o seu traballo coas máis diversas posibilidades técnicas, case sempre combinadas.
Xoán Pardiñas foi cofundador do grupo NOME e reactiva a Asociación de Creadores Plásticos Compostelanos. Cofundador da Federación Galega de Artistas Plásticos participa en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas das que cómpre salientar "Unidos pola arte" 2012 en Santiago de Compostela.
Fernando Riveiro está interesado na artelixo e no collage. Este artista autodidacta, inicia a súa andaina expositiva a mediados dos anos oitenta. Caracterízase por moverse á marxe dos circuítos convencionais, sendo un outsider dentro do panorama artístico. As súas obras, principalmente pinturas, collages e esculturas, son afrontadas como unha ensamblaxe a través de diferentes elementos e soportes. Conta cunha longa traxectoria expositiva e vén de expoñer no Pazo de Bendaña en Compostela que xestiona a Fundación Granell.