Axenda da finde
Música da boa, rutas ciclistas, danza contemporánea, exposicións; se fas todo o que temos preparado para ti esta finde estarás ben ocupado!
VENRES
Aula 11
Concerto de Aula 11, Lamprea Explosiva e Kings of the Beach. Sala A Reserva. 22.00 h. Se queredes escoitar música da boa tendes unha cita na Reserva. O grupo carballés Aula 11, que ten actuado en festivais como o MAT MAD ou o Sereas e Piratas, prometen rock, baile, moito suor e tamén moitas sorpresas. Guillermo Queijeiro (voz e guitarra), Manuel Eirín (guitarra), Jaime Regueiro (baixo) e Juan Rodríguez (batería) estarán acompañados de Kings of the Beach, un grupo de Vigo; e de Lamprea Explosiva, formación tamén de Vigo. A diversión e a boa música están aseguradas nunha cita na que Aula 11 promenten tamén "moito amor". Non faltedes! Entradas 2 €.
SÁBADO
Obradoiro de danza contemporánea. Pazo da Cultura. 12.00 h. A compañía La Macana ofrece un obradoiro de danza contemporánea destinado a público novo e adulto con motivo do programa de Primavera enDanza. A cita está enmarcada dentro das actividades complementarias do programa de achegamento á danza contemporánea. As inscricións poden realizarse no 981 704 300. Acceso libre e gratuíto.
Coñece o teu Concello: ruta ciclista por Artes, Sofán, Berdillo, Bértoa. 16.00 h. O Club Ciclista Carballo Placasa, en colaboración co Concello, propón a celebración dunha serie de saídas en bicicleta como xeito de promoción do ciclismo e da vida saudable, así como do patrimonio paisaxístico, cultural e artístico do municipio. A Ruta 1 ten 19 quilómetros de lonxitude e dificultade baixa. Partindo da Praza do Concello sáese en dirección Sísamo, alí pódese visitar o Pazo do Souto, o castro de Sisamo, a igrexa parroquial e atopamos tamén unha serie de vivendas e hórreos con interese histórico. Dende alí continúase cara a Ramil para chegar a Goiáns, onde os ciclistas poden ver a igrexa parroquial, o cruceiro e outros bens etnográficos. Dende alí vóltase cara o lugar de Piñeiro, que alberga un fermoso cruceiro; dita estrada leva a San Martiño de Cances, onde se visita a igrexa parroquial e o cruceiro. Lovo vaise a Cances Grande, con exemplos de construcións típicas galegas, o cruceiro e o castro que alí se ubican. Xírase logo cara Oza, onde se atopa a parroquial e un interesante peto de ánimas. Durante a ruta pásase preto de outros bens coma os hórreos que hai en O Rodo, o castro de Oza, etc. De balde.
Danza. La Macana presenta Invisible Wires. Pazo da Cultura. 21.00 h. A compañía galega La Macana abre o programa de Primavera enDanza cunha coprodución europea: "Invisible wires". Os fíos invisibles que determinan as relacións humanas, que se manteñen na distancia ou que conectan diferentes persoas sen a veces pretendelo é o tema desta peza de danza que transita por múltiples disciplinas como o teatro, e na que a narración se constrúe a través de imaxes. Nela conflúen seis excelentes intérpretes de Islandia, Alemania, Inglaterra, Galicia, Cuba, e conta coa música orixinal en directo do compositor belga Niko Hafkenscheid. "Invisible Wires" supón un ambicioso reto para a compañía galega La Macana e que se presenta cunha mini xira con tan só tres funcións en Galicia en Santiago, A Coruña e Carballo. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos. Entrada 5€ (3,5€ con desconto).
DOMINGO
Baile para a Terceira Idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. Os maiores de Carballo tamén teñen a súa festa as fins de semana. O salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura acolle de 18.00 a 21.00 horas un baile con música para a terceira idade. Entrada libre.
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
A exposición pode visitarse até o 24 de abril
Exposición literaria e artística Catálogo. Andar -1 do Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. A mostra Catálogo forma parte dun proxecto expositivo de catro creadores e creadoras da comarca, Rosalía Fernández, Chiña, Paco Souto e Mon Lendoiro, que pretenden axitar a vida cultural da Costa da Morte. Sendo a súa premisa a interacción entre as artes, neste proxecto inverten a habitual relación entre ilustración e texto no proceso creativo, sendo aquela xerme e pretexto deste. Catálogo forma parte dun proxecto expositivo itinerante que inclúe o recitado de poemas ao vivo. O peche da exposición está previsto para o domingo 24 de abril. Entrada libre.