As flores de abril bailan en Carballo con Primavera enDanza
Disfruta da beleza da música e o movemento no Pazo da Cultura entre o sábado 2 e o venres 22 de abril
Son xa 14 anos os que Carballo leva ofertando o ciclo estable de danza contemporánea máis lonxevo de Galicia e un dos poucos que poden localizarse na contorna. Con Primavera enDanza, a música e o movemento invaden o Pazo da Cultura durante o mes de abril, pero tamén o teatro, as notas en vivo, o clown ou mesmo o circo aparecen nos espectáculos co obxectivo de achegar a danza contemporánea á veciñanza escollendo entre as mellores propostas de Galicia e foráneas para derrubar a concepción de que esta disciplina é algo elitista e exclusivo. Os cinco espectáculos do programa, que, coma sempre, reservan unha cita para os máis cativos e cativas, terán lugar entre o 2 e o 22 de abril, e coincidindo coa celebración o 29 de abril do Día Mundial da Danza.
Catro compañías galegas e unha catalana invadirán os escenarios do Pazo da Cultura, pero tamén a rúa, os institutos ou mesmo os espazos de exposición artística de Carballo. Son La Macana, Airenoar, Javier Martín, Traspediante (dentro do ciclo En Familia) e Mar Gómez (Cataluña).
Bono: tan só 10€
Non hai excusa para non asistir ás propostas de Primavera enDanza, xa que unha das catro citas é de balde, as outras teñen prezos soltos que van de 2 a 5 euros e pode accederse a todos eles cun bono de tan só 10 euros. Respecto dos espectáculos máis polo miúdo:
- De La Macana (2 de abril) hai que destacar a súa vocación internacional, con participación non só galega, senón tamén catalana, belga e alemana. Precisamente o espectáculo chegará a Carballo despois da súa estrea en Alemaña, e ofrecerá tan só tres funcións en toda Galicia, unha delas en Carballo.
- Airenoar (8 de abril) é unha compañía galega de recente creación que inclúe elementos de acrobacia, danza e circo no espectáculo do seu mesmo nome.
- A compañía galega Javier Martín (15 de abril) ofrece unha cita gratuíta. O espectador é parte activa deste espectáculo que adianta o horario habitual das propostas ás 20.00 horas e que está patrocinado pola Deputación da Coruña.
- O domingo 17 chega a cita para os máis cativos e cativas, pero tamén para toda a familia con Traspediante, que ofrece clown, funambulismo e danza.
- E Mar Gómez (22 de abril) pon o peche dende Cataluña. Trátase dunha compañía con máis de 20 anos de traxectoria, das máis importantes de España, e que xa visitara Carballo en 2004.
Actividades paralelas: obradoiros de danza
Traspediante presentarán o seu espectáculo no Xardín Municipal
Ao longo do festival, as compañías de danza realizarán presentacións dalgúns dos espectáculos participantes no programa no Xardín Municipal de Carballo. O venres 8 de abril será a compañía Airenoar e o xoves 14 de abril Traspediante. As dúas citas están previstas para as 13.00 horas. Ao remate de cada espectáculo terá lugar un encontro dos espectadores con coreógrafos e directores para falar da proposta que acaban de presentar e dar a coñecer o seu proceso de creación e achegar a linguaxe da danza ao público.
E este ano temos como novidade obradoiros de danza comtemporánea impartidos pola compañía La Macana. Están destinados a público novo e adulto; son libres e gratuítos. As inscricións poden facerse no 981 704 300. Por último, os institutos de Carballo tamén contarán coa visita da compañía de Javier Martín o venres 15 de abril. Podedes descargar o programa completo con toda a info máis abaixo.