Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O balonmán invádenos en Semana Santa grazas ao...

Compartir:

O balonmán invádenos en Semana Santa grazas ao Carballo Handball Festival

Trece clubs, trinta equipos e máis de 600 nenos e nenas, técnicos e adestradores convivirán na vila entre o 24 e o 26 de marzo

Carballo transfórmase de novo en Semana Santa na capital galega do balonmán grazas á segunda edición do Carballo Handball Festival. As  Escolas de Balonmán Xiria, que este ano teñen demostrado ser as mellores escolas de base de Galicia -tal e como sinalan os méritos deportivos desta tempada- coordinan, baixo a organización do Concello, a máis de 600 nenos e nenas, ademais de técnicos e adestradores que ocuparán os pavillóns Carballo Calero e Vila de Noia, así como as instalacións do CEIP Fogar, entre o xoves 24 e o sábado 26 de marzo. E tamén os locais hostaleiros do municipio, que durante as vacacións falarán o idioma do balonmán para atender a persoas chegadas dende País Vasco, Asturias ou de todos os currunchos de Galicia.

Un total de 30 equipos de 13 clubs en categorías benxamín, alevín e infantil vivirán unha auténtica festa, con tres xornadas dedicadas por completo ao deporte e aos xogos: o Club Balonmán Basauri, o Juanfersa Gijón, o BM Culleredo, o BM Lucus, o BM Camariñas, o Sao Paio de Oleiros, o AD Zas, o BM Cangas, o BM Xallas, a Escola Municipal de Abegondo, o BM Cines e o BM Narón, ademais das Escolas de Balonmán Xiria, son os convidados a esta cita anual.

Unha oportunidade para coñecer Carballo

A organización durante a presentación do torneo

A organización durante a presentación do torneo

Fernando Vázquez, adestrador responsable das escolas, manifestou a satisfacción "pola predisposición dos equipos convidados de volver a Carballo", o que ten "moito mérito nunha época na que hai torneos moi consolidados". Especialmente boa resulta ser a relación co Basauri, que este ano volve cun gran grupo de entre 35 e 40 persoas. Vázquez tamén quixo subliñar os beneficios que unha cita deste tipo ten para Carballo, con numerosos familiares dos xogadores e xogadoras de fóra que xa teñen buscado aloxamento no municipio para poder convivir durante o tempo que dure a cita.

O Concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, explicou que ese foi precisamente un dos obxectivos orixinais do festival: "buscar un produto alternativo para Carballo en Semana Santa que complemente a potente oferta xa existente na Costa da Morte". Dende Balonmán Xiria explican que moitos dos grupos visitantes xa teñen preparadas excursións para ver as praias de Carballo e arredores, ou unha grande comida de confraternidade como despedida do torneo. Regueira asegura que o ano pasado conseguiuse con creces o obxectivo de atraer xente ao municipio na Semana Santa, xa que preto dun milleiro de persoas visitaron a vila e este ano espéranse cifras similares.

Ademais, tanto os veciños e veciñas como os visitantes, tamén terán a oportunidade e achegarse aos Pavillóns Vila de Noia, Carballo Calero e ao CEIP Fogar para ver como os máis pequerrechos do deporte xogan, gozan e compiten.

Carballo respira balonmán!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica