Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A vida a través dos ollos dunha cámara: coa...

Compartir:

A vida a través dos ollos dunha cámara: coa exposición do XVIII certame Xosé Manuel Eirís

Podedes gozar coas mellores imaxes presentadas ao concurso de fotografía até o 25 de marzo no terceiro andar do Pazo da Cultura

Aquí están as catro imaxes galardoadas no certame

Aquí están as catro imaxes galardoadas no certame

Un total de 160 imaxes de 78 autores e autoras non só de Galicia, senón tamén doutros puntos da Península como Madrid, Valencia, Andalucía, Navarra ou Cataluña teñen participado na XVIII edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que este ano incrementou a contía dos seus premios ata os 2.300 euros. Agora, unha escolma destas 160 imaxes presentadas invade a sala Alberto Gende do terceiro andar do Pazo da Cultura para que o público goce con estas fotografías fermosas, artísticas ou simplemente sorprendentes.

Os galardoados, seleccionados nunha reunión do xurado celebrada o 19 de febreiro, son os seguintes:

  • O Primeiro Premio, dotado con 1.000 € e diploma, recaeu na fotografía que leva por título "Praia" presentada por Luís Botana Pérez, de Ferrol
  • O Segundo Premio, dotado con 500 € e diploma, foi para a fotografía que leva por título "Día de lluvia" presentada por José María Beut Duato, de Valencia
  • O Premio Especial Carballo, dotado con 500 € e diploma, foi para a fotografía que leva por título "Hora bruxa" presentada por Eduardo Verdes Pereira, de A Laracha
  • O xurado tamén decidiu outorgar un accésit, dotado con 300 € e diploma, á fotografía "Sen título" presentada por Simone Maestra, de A Coruña.

Entrega de premios

Foto de familia co xurado, autoridades e galardoados

Foto de familia co xurado, autoridades e galardoados

A entrega de premios e inauguración da exposición do certame contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, do Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, dos membros do xurado e de dous dos gañadores e gañadoras desta edición, aos que se fixo entrega dos premios. O galardoado de Valencia non puido asistir, mais enviou a un representante que agradeceu o premio no seu lugar. Tamén houbo representación da familia de Xosé Manuel Eirís, falecido técnico de cultura de Carballo na honra de quen se organiza o concurso.

Este ano o xurado estivo composto por Marcos Trigo Facal (Concelleiro de Cultura e Deporte), María Vila Rodríguez (en representación do Coro Aires de Bergantiños, secretaría da asociación), Ángel Cordero Gómez e Ignacio Romero Sánchez (profesores da Escola de Imaxe e Son de A Coruña), Vari Caraméns Medín (fotógrafo profesional), Pastor García Queijas (fotógrafo profesional e gañador do 1º premio do Certame Fotográfico na edición de 2015), e María del Carmen Castro Pombo (animadora cultural do Concello de Carballo).

Tivérono, como cada ano, moi difícil, pero ao final, aínda que non todas as fotografías resulten premiadas, si que o público pode gozar coa maioría delas a través da exposición. Podedes facelo até o 25 de marzo en horario de 18.00 a 21.00 horas.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica