Flora
A flora deste espazo natural caracterízase pola súa diversidade, dada a variedade de ecosistemas que conflúen na zona: a marisma, a lagoa, o areal, os cantís… Sonche plantas pequechas pero resistentes e moi esforzadas, porque así llelo impoñen as difíciles condicións de vida do contorno, expostas como están ao vento, ao sol, a chans areosos e a niveis altos de salinidade.
Nos cantís de Baldaio atoparás o pirixel de mar, a mítica herba de namorar e tamén fentos mariños.
Nas dunas que se estenden entre Baldaio e Razo, a vexetación é diferente do lado onde bate o vento e aquel resgardado del. No primeiro dos casos, a sotavento, encontramos gramas mariñas, barrillas, feos e leiterenas da praia. No segundo caso, ao sotavento, a vexetación é máis rica. Alí medran as correolas e os alelís da praia, as cebolas das gaivotas, verdoagas mariñas e aquelas coñecidas como "paxariños amarelos" e "rabos de lebre".
Na lagoa e na marisma, as condicións de supervivencia complícanse. E é que a vexetación está suxeita á continua oscilacións da marea, e así teñen que soportar por veces o exceso da auga salgada do mar, e por veces, da auga doce dos ríos da contorna.
Na marisma encontramos especies como gramóns, xuncos, acelgas salgadas ou estrelas das xunqueiras.
Na lagoa, as plantiñas están permanentemente asolagadas. Tal é o caso das verzas mariñas, as laminarias, as rupias ou os fucus.