Asistimos á posta de longo do Carballo InterPlay: con novidades na contía dos premios!
Este ano o festival aumenta o palmarés cun recoñecemento de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego
Un momento da presentación do festival en rolda de prensa
A terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio, ofrecerá un novo premio, de 1.500 euros, para o mellor proxecto de webserie en galego. O obxectivo deste premio é "fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo", en palabras de Sonia Méndez, directora do CIP. O novo galardón, que se resolverá cun pitching en directo durante o festival e cuxa dotación deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, súmase aos xa existentes: mellor webebserie de imaxe real, mellor webserie de animación, mellor webserie internacional e mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría, e a escolla do público, con 400 euros e trofeo. Ademais, haberá trofeos para a mellor actriz, o mellor actor e un premio AGAG ao mellor guión. En suma, O III Carballo Interplay repartirá máis de 5.000 euros en premios. As persoas que queiran participar poden facelo dende hoxe mesmo ata o 27 de marzo a través do web www.carballointerplay.com.
O CIP, que acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, situou Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital, ao converterse no primeiro concello de España que contou cun festival de webseries e de novos formatos narrativos. A organización está actualmente pechando o programa de actividades da terceira edición do certame, do que Méndez adiantou que "apostaremos non só polas webseries, senón por todos os contidos dixitais: creación de contidos específicos para a rede e novas maneiras de difusión cultural a través da rede".
Bulide: xa quedan poucas prazas para o FormaCIP
O Concello e a organización do festival completan a oferta cun ciclo formativo que se desenvolverá nas semanas previas, o FormaCIP, que nesta edición amplía a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonos analóxicos son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas poderán adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, dende o vindeiro 12 de marzo ata a mesma fin de semana do Festival. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo, tamén no web: www.carballointerplay.com.
Algúns dos obradoiros xa teñen todas as prazas cubertas ("A dirección de actores" e "Marketing na rede e dende abaixo para o teu produto audiovisual), polo que a organización anima a quen estean interesados e interesadas a inscribirse canto antes!
Volve o primeiro festival de webseries de España. Volve o Carballo InterPlay!