Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Volve o festival de contidos dixitais Carballo...

Compartir:

Volve o festival de contidos dixitais Carballo InterPlay! A primeira finde de maio!

Tamén regresa a oferta do ciclo formativo de contidos audiovisuais FormaCIP: con actividades tamén para nenos e nenas

Foto de familia ao remate do CIP 2015

Foto de familia ao remate do CIP 2015

Xa temos data para a terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay! Celebrarase os días 5, 6 e 7 de maio! O CIP, que acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, situou a Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital, ao converterse no primeiro concello de España que contou cun festival de webseries e de novos formatos narrativos.

Ademais, esta oferta complétase de novo este ano cun ciclo formativo que se desenvolve nos meses previos, o FormaCIP. Nesta edición amplía a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonos analóxicos son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas poderán adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, dende o vindeiro 12 de marzo ata a mesma fin de semana do Festival. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo na web: www.carballointerplay.com.

Os obradoiros para adultos e estudantes

Imaxe do CIP 2016

Imaxe do CIP 2016

O Fórum Carballo acollerá a completa oferta educativa do FormaCIP, que comezará o sábado 12 de marzo co obradoiro A web como canle para contar historias impartido por Oscar Otero. Unha semana máis tarde, os días 19 e 20 de marzo, será o produtor Felipe Lage quen imparta o obradoiro Produción e financiación. A fin de semana do 2 e o 3 de abril, María Yáñez impartirá un curso titulado Marketing na rede e dende abaixo para o teu produto audiovisual. Todos eles custarán 20 euros. A fin de semana seguinte, Alfonso Zarauza ofrecerá un obradoiro de tres días sobre Dirección de actores, que custará 30 euros. E do 26 de abril ao 1 de maio as persoas que o desexen poderán coñecer de primeira man todo o proceso de Creación dunha webserie: Do guión á distribución, da man de David Saínz e Teresa Segura, cun custo de 100 euros.

Os obradoiros para nenos e nenas

Dende o obradoiro de Robótica con Lego Mindstorms que impartirán os Code Monsters e o de Micropaleta gráfica Codeco dos Esferobite, para nenos e nenas de 7 anos ou máis; ata o de Robótica express: programación e electrónica con Arduino, impartido tamén por Code Monsters, para rapaces de a partir de 12 anos; pasando pola Creación de emoticonos analóxicos de Paula Fraile, de 9 a 13 anos; todos os obradoiros infantís do FormaCIP serán gratuítos. As datas e os horarios, así como o sistema de inscrición, publicaranse proximamente na web www.carballointerplay.com.

Quen o desexe, tamén pode solicitar información a través do correo electrónico formacion@carballointerplay.com.

Vinde ao Carballo InterPlay!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica