O Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís sube a contía dos premios ata 2.300 euros
Tanto se eres profesional como afeccionado á fotografía, anímate a presentar as túas imaxes até o 12 de febreiro
Imaxes gañadoras da edición de 2015
Se che gusta a fotografía como afeccionado ou eres un profesional da imaxe tes unha cita en Carballo co Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que cada ano recibe multitude de interesantes obras, tanto de Galicia coma de fóra. Este ano o concurso chega á súa maioría de idade e para celebralo eleva a contía dos premios, que pasarán de 1.850 a 2.300 euros en total. Así estableceuse un primeiro premio de 1.000 € e diploma, un segundo de 500 € e diploma, e o Premio Especial Carballo dotado con 500 € e diploma á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio de Carballo e en calquera dos seus aspectos e así o indique. Ademais, o xurado poderá conceder accésits por un importe de 300 €.
Así que, se eres un experto do enfoque, dos trípodes, do encadre ou da luz ou se simplemente fas fotos chulas, non o dubides e presenta as túas obras. Cada participante terá a posibilidade de entregar un máximo de tres imaxes. As fotografías poderán ser en branco e negro ou cor, poderán ser naturais ou manipuladas, e o tema, excepto no caso do Premio Especial Carballo, é libre.
Celebrarase unha exposición coas obras presentadas
As imaxes poden ser en branco e negro ou en cor, de tema libre, naturais ou manipuladas
O certame, conta, ademais, con outro aliciente, xa que as obras gañadoras e unha escolma das presentadas ao concurso formarán parte dunha exposición colectiva que se realizará nun prazo máximo de catro meses dende que se faga público o fallo do xurado. Precisamente o xurado estará formado por persoas vinculadas ao eido da fotografía e da imaxe, por un representante das asociacións culturais do munipio e por un ou máis representantes do Concello.
Os gañadores e gañadoras do ano pasado foron Pastor García Queijas, de Culleredo, Juan Luís Rúa Prieto, de A Coruña, José López Pérez, de Santiago, Mercedes Lea Furelos, de Carballo e Jordi Cohen Colldeforns, de Barcelona.
Este ano ao mellor a gañadora é a túa proposta! Consulta as bases, presenta as fotografías e sorte!