Arte, cinema, música e teatro póñenlle as pilas a Carballo cos Venres Culturais
Unha estrea de Quico Cadaval, Uxía, Talía Teatro, Chicharrón ou Teatro do Noroeste: algúns nomes propios do programa
Carballo muda un ano máis na capital cultural da comarca grazas ao programa dos Venres Culturais. Se queredes poñervos as pilas e gozar coa boa música, coa arte, con cinema e sobre todo, co mellor do panorama teatral galego e foráneo, estades de noraboa. Quico Cadaval con PT Excéntricas, Talía Teatro, Producciones Viridiana, Uxía e María Fumaça, Chicharrón, Arume, Emedous, As Maimiñas, A Panadaría e os grupos locais do RockCarballo compoñen boa parte dun cartel que nos fará principiar o ano con moi bo pé. Entre xaneiro e marzo reservade cita os venres ás 21.00 h. e os domingos ás 18.00 h. -con este último horario pensado para as propostas do público familiar- porque non deixaredes de visitar o Pazo da Cultura. Entre todas as citas hai que resaltar a estrea en Carballo de PT Excéntricas e "Os amores de Jacques o fatalista", unha nova proposta de Quico Cadaval con Víctor Mosquera e Marcos Orsi.
Ás citas no auditorio únese a oferta fotográfica e artística con catro exposicións ben diferentes. En febreiro chega a mostra colectiva "Miradas 4" na que creadores de Carballo e de Muxía amosan o seu traballo en distintos formatos e técnicas. No mesmo mes, pero no andar -1 o colectivo coruñés Aula K tráenos unha selección de fotografías. E xa en marzo chegan tamén as imaxes do XVIII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís e para rematar, temos "Catálogo", unha mostra na que interaccionan ilustracións e texto literario.
Outras propostas
Producciones Viridiana presenta "Ligeros de equipaje"
A programación dos Venres Culturais complétase coas actividades do programa Apego para a socialización en galego da infancia. Hai contacontos os mércores na Biblioteca Rego da Balsa e tres importantes citas musicais con Magín Blanco, Cé Orquestra Pantasma e Paco Nogueiras. E ademais, teremos un ciclo de cinema organizado pola Asociación Ambiental Senda Nova en colaboración co Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro das súas Xornadas de Interpretación dos Bosques. A través da situación de distintos bosques do mundo, como os da Amazonía ou Indonesia e da man de varios documentais pretende poñerse en valor a situación do bosque autóctono e denunciar as ameazas que asexan. Ademais, o sábado 5 de marzo o grupo de gaitas Lembranzas de Bergantiños homenaxearán ao carballés recentemente falecido Francisco Calvo “Regueiro”, fundador e director da agrupación, que foi artesán deste instrumento.
Bonos e entradas
Quico Cadaval estrea obra en Carballo
No caso das citas de balde, debido á limitación do auditorio do Pazo da Cultura, se é necesaria a reserva previa, comunicarase coa antelación posible. Para os que é necesaria entrada, a venda realizarase no despacho de billetes do Pazo da Cultura, unha hora e media antes do inicio da actuación. A reserva de entradas poderá efectuarse no teléfono 981 704 300, ou na Concellaría de Cultura (Pazo da Cultura), habitualmente dende 15 días antes da celebración dos espectáculos con un límite de 4 entradas por persoa. Nalgúns espectáculos aplicaranse prezos reducidos a determinados colectivos.
Tamén se porán á venda bonos para os días 29 de xaneiro, 12 e 19 de febreiro, 4, 11 e 18 de marzo. O bono ordinario ten un prezo de 19 € e o bono especial con prezo reducido para determinados colectivos, 14 €. Está previsto que se poñan á venda o mércores 20 de xaneiro nas oficinas da Concellaría de Cultura (Pazo da Cultura), de 11.00 a 14.00 h.
Se xa estades convencidos de vir a Carballo a gozar coa cultura, podedes consultar o programa completo con todos os horarios, as sinopsis, o prezo das entradas e outros detalles máis abaixo neste mesmo artigo.
Unha vez máis, Carballo é cultura!