Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Aínda coa resaca do Nadal, volvemos coa axenda da finde con propostas en distintos puntos da comarca: concertos, rutas, motos...

VENRES

Senda Nova propón o domingo unha ruta por Cerqueda (Malpica)

Senda Nova propón o domingo unha ruta por Cerqueda (Malpica)

María Fumaça. Casa da Cultura de Vimianzo. 19.00 h. “María Fumaça”, o proxecto musical no que participan artistas tan coñecidos como Uxía, Sergio Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina ou Carlos Blanco visita o veciño concello de Vimianzo para convidar aos nenos, e aos non tan pequenos, a cantar cancións tan pegadizas como “O mercado” ou “A sopa do nené”. Un concerto para toda a familia. Entrada libre.

Concerto de Booty Sweat. Pub A Ventana de Laxe. 23.30 h. Se tamén vos encanta a música perso sodes máis de blues americano tendes unha cita en Laxe co grupo vigués Booty Sweat. Despois de aprazar a súa actuación prevista para decembro, por fin o público poderá gozar con esta formación de pouco máis de tres anos de vida que ofrece temas con influencias de músicos tan recoñecidos como Freddie King, Stevie Ray Vaughan, Albert King ou Muddy Waters. Non perdades a oportunidade de ver enriba do escenario a Manuel Ares, Jorge Arenaz, Andrés E Punto e Juan Manuel Ons. Entrada libre.

DOMINGO

O Nadal Cultural pecha cun baile de maiores

O Nadal Cultural pecha cun baile de maiores

Ruta de sendeirismo “Cerqueda, patrimonio e paisaxe”. Saída dende Carballo. 9.15 h. Dentro do seu programa Inverno Ancestral, a Asociación Ambiental Senda Nova organiza unha ruta pola parroquia malpicana de Cerqueda para aprender máis sobre o seu patrimonio da man de Xosé Manuel Varela Varela e a Asociación de Veciños Monte D’Arxa. Os interesados en participar na cita, deben anotarse previamente chamando ao 696 155 232. Están convidados todos os veciños e veciñas, tanto de Carballo como da contorna.

Festival de Reis para a Terceira Idade. Pazo da Cultura de Carballo. 18.00h. A Concellaría de Terceira Idade que dirixe María del Carmen Regueira Baldomir organiza Festival de Reis para maiores que contará coa actuación do Dúo Caramelo. A cita está incluída dentro do programa do Nadal Cultural 2015 e supón o peche do programa das festas deste ano, no que os maiores tiveron ata tres citas para festexar o Nadal, o Aninovo e agora, os agasallos de Reis. Entrada libre.

VENRES, SÁBADO E DOMINGO

Harley-Davidson de primeiros do século XX

Harley-Davidson de primeiros do século XX

Exposición de motos de época. Centro Comercial Bergantiños-Gadis. Todo o día. O 10 de xaneiro é a última oportunidade para que os amantes das motos antigas gocen no Centro Comercial Bergantiños-Gadis, xa que a Asociación de Amigos das Motos Clásicas de Bergantiños organiza unha exposición na que se exhiben un total de 24 motocicletas de todas as épocas, de distintas marcas e modelos, que de seguro espertarán o interese dos afeccionados e afeccionadas, pero tamén de todos os veciños e veciñas que se acheguen á superficie comercial. Desde marcas como Harley-Davidson a Derbi, seguro que gozades examinando estes vehículos que en ocasións son auténticas obras de arte. Entrada libre.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica