Carballo a un paso

Inicio // Artigos // É tempo de panxoliñas, marisco e turrón, pero...

Compartir:

É tempo de panxoliñas, marisco e turrón, pero sobre todo, estamos no Nadal Cultural!

Entre o 9 de decembro e o 10 de xaneiro Carballo ofrece teatro, monicreques, danza, maxia e moita diversión; vivide as festas!

Alumeado de Nadal

Alumeado de Nadal na Praza do Concello

Maxia, monicreques, teatro, danza, os Reis Magos, o Apalpador, nacementos, arte, panxoliñas, festivais infantís… Carballo vístese de Nadal para celebrar estas festas cun amplo programa de actividades no que os nenos e as nenas son os protagonistas e que ofrece un montón de posibilidades para pasalo ben en familia. Ademais, as imaxes da postal para felicitar as festas e do cartel que as anuncia saíron dun concurso escolar no que participaron 1.400 nenos e nenas de todo Carballo. Agora, entre o 9 de decembro e o 10 de xaneiro o Pazo da Cultura, o Mercado Municipal, a Biblioteca, a Ludoteca e as rúas da vila convidan aos vecinos e veciñas, pero tamén a toda a xente que nos visita polo Nadal, a pasalo ben e a combinar o turrón e as citas familiares cunha oferta cultural e de lecer que invade cada recuncho da vila. Festivais de Nadal, exposicións, campañas solidarias de recollida de xoguetes ou para axudar a quen máis o necesita, bailes para maiores... Atopade a cita que máis vos apeteza e preparádevos para vivir o Nadal!

Nadal Pequespectacular

Monicreques de Kukas

Os Monicreques de Kukas presentan “A frauta máxica do maxín”

Como cada ano, o programa máis esperado é o Nadal Pequespectacular, para os máis cativos e cativas da casa e que terá lugar o sábado 26, o luns 28 o martes 29 e o mércores 30 de decembro con catro divertidas propostas. A primeira, o sábado 26, “Onde está o Mago Antón?”, trae a maxia deste artista á Praza do Concello con ata sete funcións durante todo o día nas que os asistentes poderán falar co labrego Facundo e gozar coas aparicións, desaparicións, levitacións, transformacións, mentalismo e manipulacións do mago.

O luns 28 é a quenda dos monicreques de “A frauta máxica do maxín” coa compañía de Kukas, Xograr de Outono do FIOT Carballo. A proposta aproveita a versión musical para instrumentos de vento da ópera de Mozart “A frauta máxica” para crear unha obra a modo de retablo na que utilizan as marionetas de fíos e a música tocada en directo para representar as escenas principais da obra e introducen un personaxe real que recorda ao autor de Salzburgo.

O martes 29 a compañía catalá Engruna Teatre presenta “Código postal 00”. O espectáculo mestura teatro e monicreques para recrear unha oficina moi especial á que chegan cartas e paquetes desde todos os recunchos do mundo. Se algo che asusta, ou che enche o corazón ou busca unha orella para que llo contes... só tes que escribilo nunha carta e as carteiras de Código Postal 00 farán que chegue a bo porto!

O programa remata o mércores 30 coa Compañía La Coja Dansa e o seu “Escondite”. A través do baile e do movemento contan a aventura duns pais que buscan á súa filla, desaparecida ao saír voando xunto a un globo. Todas as citas do Nadal Pequespectacular son ás 18.00 no Pazo da Cultura e custan 4 €, 3 € cos descontos aplicables. A excepción é o espectáculo do Mago Antón, que é de balde e que terá función ás 12.00, 13.00, 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas.

Cabalgatas de Reis

Cabalgata de Reis 2015

Cabalgata de Reis 2015

Outra das citas máis importantes de programa son as Cabalgatas de Reis, que este ano son ata dez entre a que se celebra o día 5 na capital municipal e as que percorren as parroquias en Artes, Baldaio, Berdillo, Bértoa, Entrecruces, Oza, Sísamo, Razo, Cances e Sofán ata o propio día de Reis. A de Carballo sairá ás 17.30 horas do Centro Comercial Bergantiños para chegar sobre as 20.00 horas á Praza do Concello, onde as súas maxestades recibirán a todos os nenos e nenas, que poderán facerlle en persoa as súas peticións.

Os maiores tamén teñen un amplo espazo este ano no programa do Nadal Cultural, con ata tres citas no Pazo da Cultura. O primeiro é o sábado 19 de decembro e estará amenizado polo grupo Chicas do Swing; o segundo terá lugar o domingo 27 co Dúo Calú; e, por último o domingo 10 de xaneiro haberá baile amenizado polo Dúo Caramelo. Estas actividades terán todas lugar a partir das 18.00 horas no Pazo da Cultura.

Máis citas

Volve Mercarte, a mostra de creadores de Carballo e comarca, entre o 26 e o 29 de decembro no Mercado Municipal

A todas estas actividades, hai que sumarlle a programación propia da Biblioteca Rego da Balsa e da Ludoteca para nenos e nenas, a campaña de Nadal “Se me cachades, cóntovos”, presente en todo o comercio de Carballo, os Cantos de Nadal e o festival para entregar os premios dos gañadores e gañadoras do Concurso de Cartel e Postal de Nadal, campañas solidarias, a visita do Apalpador aos centros de ensino, citas musicais, ou numerosas actividades paralelas, como exposicións ou a mostra Mercarte que durante catro días invadirá o segundo andar do Mercado con numerosas propostas artísticas.

Non deixedes de consultar o programa completo do Nadal Cultural! Felices festas!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica