Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Plans para a finde? Seguimos co Novembro con Música, pero tamén temos unha mostra de fotografía ou a última ruta do Outono en Marcha

VENRES

Shiss… olla o que escoitas

Unha das imaxes da mostra

Apertura da exposición “Shiss… olla o que escoitas”. Cafetaría Narúa-Flor do Toxo. 20.30 h. A fotógrafa de Compostela e afincada en Carballo Mónica Noya, integrante do Colectivo Crea Formas, é a encargada de estrear un novo espazo expositivo para Carballo na Cafetaría Narúa-Flor do Toxo, que pon a disposición dos artistas e creadores que o desexen o seu local para que amosen o seu traballo. Noya aproveita a oportunidade coa exposición “Shiss… olla o que escoitas”, na que a fotógrafa realiza unha exploración do mundo da música e dos instrumentos coa arela de que o espectador sexa quen de “ver” os sons ou sentir a delicadeza coa que vibran os instrumentos. A coidada iluminación e o misterio tamén caracterizan esta serie de nove obras no que o movemento tamén ten moita importancia. Os interesados e interesadas poderán gozar coas imaxes até o 9 de xaneiro.

SÁBADO

Coral Polifónica de Bergantiños

Coral Polifónica de Bergantiños

Magosto da AAVV Santa Eufemia de Bértoa. Restaurante Cima. 14.00 h. Avanza o outono e con el continúan os magostos. Desta volta a cita está organizada polos veciños e veciñas de Bértoa, e inclúe unha comida con entrantes, merluza do pincho, carne asada, castañas asadas, filloas, café e chupito. Hai un total de 85 prazas dispoñibles e o prezo da comida-magosto é de 15 euros para os socios da entidade e de 20 euros para quen non o sexa. Outono, tempo de castañas!

NCM. Concerto de Santa Cecilia 2015. Pazo da Cultura. 21.00 h. A Coral Polifónica de Bergantiños é a agrupación encargada de festexar o día dos músicos e da música co tradicional concerto na honra de Santa Cecilia 2015, incluído no programa do Novembro con Música. A este concerto, que terá lugar no Pazo da Cultura e co que colabora o Concello de Carballo, está convidada, ademais da propia coral anfitrioa, a Sociedad Coral Polifónica El Eco da Coruña. O Coro de Voces Brancas de Carballo completa o programa. Entrada de balde ata completar o aforo. Non perdades a oportunidade de festexar á patroa dos músicos!

Monólogo de "Manolo Lojo" con Xosé Touriñán. Dublín Rock Café. 23.30 h. Pasou pola pequena pantalla participando en "Air Galicia", "Era Visto!", "Luar" ou "Tourilandia", programa este último non que exerceu como presentador e director. Facía tempo que Xosé A. Touriñán (Culleredo 1980) non pisaba os bares cun espectáculo de monólogos, aínda que en Carballo xa ten estado en varias ocasións coas Cantareiras de Arebullo, Nucha e Mucha. Manolo Lojo trátase dun personaxe xa interpretado polo actor cullerdense ao comezo dá súa carreira: un home que só ten claro querer suicidarse, argumento sobre ou cal conta os pormenores dá súa vida. As entradas poden adquirirse na Cervexaría Deluxe Carballo durante todo o día a partir das 9.00 h. e ata as 22.00 h. o venres e o sábado.

DOMINGO

Ruta das Férvedas

A Ruta das Férvedas transcorre por Rus e Entrecruces

Outono en marcha. “Ruta das Férvedas”. 8.15 h. O IV Outono en Marcha ofrece percorridos de sendeirismo por lugares de especial valor patrimonial, histórico, natural e paisaxístico de Bergantiños, mudando o punto de vista para observar a comarca a través da choiva, das follas secas e do outono. O domingo 29 de novembro remata o programa coa realización da "Ruta das Férvedas". Transcorre polo Concello de Carballo, saíndo da Brea e terminando en Entrecruces. Caracterízase por dous saltos de auga de gran fermosura, a Férveda de Rus, no rego da Férveda, e a denominada Férveda de Entrecruces, na que o río Outón ten que salvar uns 50 metros de desnivel. A distancia é de 15 quilómetros. A cita, que dura todo o día, ten programada a saída dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela de Carballo. O prezo para participar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Inscricións no 696 155 232.

NCM. “Érase unha vez… a ópera”. Pazo da Cultura. 18.00 h. O Novembro con Música 2015 garda un espectáculo especialmente dirixido aos máis cativos da casa. Trátase de "Érase unha vez... a ópera", que porá en escena a Compañía de Teatro Lírico Madame Spaguettinni, unha agrupación musical que forma parte da Asociación Lírica de Galicia. Unha grande Diva do bell canto, Madame Spaguettinni, xunto a un resucitado Mozart e outros simpáticos personaxes, descubriranlles a todos os asistentes os segredos da ópera invitándonos a viaxar a través dun mundo cheo de fantasía, escenificando as arias máis coñecidas do mundo operístico de obras como “Don Giovanni“,“Turandot“,“Madame Butterfly“,“La Bohéme“, etc. Entrada de balde ata completar aforo. Para asegurar a praza, recomendase recoller un convite no 1º andar do Pazo da Cultura entre o luns 23 e o venres 27 de novembro polas mañás de 9.30 a 12.00 horas e polas tardes de 18.30 a 20.00 horas.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica