Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A creatividade invade Carballo da man da mostra...

Compartir:

A creatividade invade Carballo da man da mostra Peter’s Room

Numerosas propostas artísticas e de lecer ocupan o segundo andar do Mercado Municipal o sábado 21 e o domingo 22 de novembro

Peter’s Room

Se vos gusta a arte, a creatividade e pasalo ben tendes unha cita o sábado 21 e o domingo 22 de decembro con Peter’s Room, unha mostra de creadores emerxentes nacida no ano 2013 en Cambados para facer confluír nun mesmo espazo a deseñadores e creadores emerxentes de distintas áreas e sectores nun ambiente distendido e familiar onde non soamente se dan a coñecer produtos, servizos e marcas, senón que se crea unha experiencia única, onde o lecer e o entretemento teñen un papel  moi importante. Dende entón, teñen emprendido unha andaina que os ten levado lonxe da comarca do Salnés, que os fai aterrar agora en Carballo, pero que nos próximos días tamén os levará a Santiago de Compostela, e así nun traballo de difusión do que se benefician tanto os profesionais coma a veciñanza de cada lugar que visitan.

En Carballo ocuparán o segundo andar do Mercado Municipal en horario de 11.00 a 21.00 horas para enchelo de actividades nas que tamén participa a asociación carballesa Crea Formas Artísticas. Con ela, organizan o sábado e o domingo ás 12.30 h. dous obradoiros, un de postais mediante estampación e outro de máscaras. Xa da man da organización, pola tarde, ás 17.30 h., tamén hai un obradoiro cada día, o sábado de “Collage robótico” e o domingo de “Personaxes mediante collage”. Todos están dirixidos a nenos e nenas, teñen dispoñibles 10 prazas e está previsto que duren unha hora. Ademais, os talleres amosan a faciana solidaria da cita, xa que para participar neles, hai que inscribirse no punto de información PETER, situado no acceso ao recinto e logo achegar alimentos non perecedoiros para os canciños da Asociación Amigos de los Perros de Carballo. Un motivo máis para participar!

Concerto de Aula 11 e mural colectivo

Rayonubesol

Rayonubesol será unha das propostas presentes en Peters Room

E por se o atractivo dos obradoiros e da arte que estará a disposición de todos os asistentes non fose suficiente, cada día haberá tamén un concerto ás 18.30 h. O sábado co grupo de Carballo, tamén emerxente e con novísimos compoñentes Aula 11, que ademais veñen de presentar o seu novo EP. O domingo asistirá un grupo local aínda por confirmar, pero que de seguro tamén animará ao público con boa música. E se aínda precisades unha razón máis para achegarvos a Carballo, durante os dous días os artistas de Crea Formas realizarán por quendas un mural en directo co que o público poderá interactuar e contribuír debuxando. Unha vez máis, a arte invade Carballo. Non faltedes!


Ligazóns

Descargas

Vídeos

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica