Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Arrinca o mes da música, con moito pop rock pero tamén cos nosos sons máis tradicionais. Ademais, temos magostos e sendeirismo

VENRES

Concerto pop-rock Live in Cances. Local social da parroquia. 22.00 h. O Novembro con Música comeza coa mellor oferta pop-rock grazas ao festival Live in Cances, unha cita na que participan catro bandas de Carballo. Temos a Versión Imposible, músicos veteranos curtidos nos 80 e que agora cobran nova vida nesta nesta banda reeditando cancións do pop rock español; sumamos o rythm and blues de Dude; engadimos o bo facer e os recoñecibles sons da música rockabilly con Killer Cats; e para rematar a veteranía de The Cerne, grupo formado en 2005 para lembrar vellos tempos musicais con algúns dos integrantes de grupos pioneiros do pop rock en Carballo (Helium, Tramites, Distrito 15100, Meigasfora, etc.) e que rescatan os temas dalgúns dos xenios dos anos 70 e 80. A cita está organizada pola Asociación Cultural San Campio de Cances. Entrada de balde.

Concerto de Aula 11, Arabian Evils e Kostra da Morte. Sala Dublín. 23.00 h. O novísimo grupo carballés Aula 11 -con compoñentes que non superan os 17 anos- presenta o seu novo EP, “Tarde, mal e arrastro”, nun concerto no que estarán acompañados por Arabian Evils e Kostra da Morte. Este grupo que ten actuado en festivais como o MAT MAD ou o Sereas e Piratas, prometen rock, baile, moito suor e tamén moitas sorpresas. Guillermo Queijeiro (voz e guitarra), Manuel Eirín (guitarra), Jaime Regueiro (baixo) e Juan Rodríguez (batería) xa teñen circulando o primeiro single, “Litrona de Mercadona”. Ides perder o espectáculo?

SÁBADO

Magosto en Cances. Local social da parroquia. 20.00 h. Esta fin de semana os veciños de Cances non teñen parada. Aínda coa resaca do rock do Live in Cances preparan un magosto cheo de sorpresas no que haberá espazo para castañas, pero tamén para desgustar chocolate con biscoitos, para ver a actuación do Mago Álex -con numerosos trucos e humor- e para escoitar a música do grupo local Os Trastes. Se vos apetece probar boa comida acompañada dun bo e divertido espectáculo, ademais de escoitar boa música, non dubidedes en asistir. Cances é o voso sitio. Vivindo o outono!

Sons de aquí. Pazo da Cultura. 21.00 h. Un ano máis o Novembro con Música presta especial atención aos nosos sons máis tradicionais con esta cita na que este ano actúan a Banda de Gaitas Municipal de Carballo, encargada de abrir o acto, á que seguirán as Cantareiras Xoldreira da AC. Nemeth de Carballo, as Cantareiras de San Campio de Cances, o grupo Meigallos da Nosa Terra de Bértoa. Da costa chega o Grupo de Cantareiras San Martín de Razo e da parroquia de Bértoa, a asociación Lembranzas de Bergantiños. Os integrantes da Asociación Cultural Argazo de Baldaio, darán pé ás formacións procedentes de Berdillo, tres grupos que traen as Asociacións Cultural e Xuvenil Arume de Berdillo: Cantareiras e Cantareiros da AC Arume, a Escola de Gaitas de AC Arume e as Cantareiras Névedas da Asociación Xuvenil Arume. Esta mostra de música tradicional galega é unha das actividades máis concorridas de Novembro con Música, non só pola cantidade de grupos participantes, senón tamén polo seu carácter próximo, debido ao repertorio que interpretan, xa que a música tradicional segue estando en pleno auxe. Entrada de balde.

DOMINGO

Outono en marcha. Ruta “Vía Alcaianus”. 8.15 h. O IV Outono en Marcha ofrece percorridos de sendeirismo por lugares de especial valor patrimonial, histórico, natural e paisaxístico de Bergantiños, mudando o punto de vista para observar a comarca a través da choiva, das follas secas e do outono. O domingo 15de novembro é o roteiro "Vía Alcaianus" polo Concello de Coristanco. Con 20 quilómetros de lonxitude, o percorrido transcorre seguindo unha vía romana e cruzando a Ponte Lubiáns. A cita, que dura todo o día, ten programada a saída dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela de Carballo.  O prezo para partipar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Inscricións no 696 155 232.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica