Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Corcheas, redondas, negras e fusas invaden o...

Compartir:

Corcheas, redondas, negras e fusas invaden o outono de Carballo

Pop, rock, folk, cantos de berce, cantigas, música coral e mesmo a ópera teñen cabida no programa do Novembro con música 2015

Cartaz

Os melómanos están de noraboa en Carballo este mes porque chega o Novembro con música, oito concertos gratuítos de calidade que até o 5 de decembro ofrecerán propostas variadas de pop, rock, folk, música coral, cantos de berce, música de banda e, este ano, con dúas citas moi especiais coas cantigas medievais e o mundo da ópera. Todo coa colaboración das asociacións culturais e das agrupacións musicais da vila, que expoñen o seu bo facer musical amosando o duro traballo realizado nos ensaios durante todo o ano. E sen esquecer as actividades paralelas, con teatro e exposicións que completan unha oferta variada e para públicos diversos.

Entre os concertos, hai que subliñar unha proposta moi especial para toda a familia. A Asociación Lírica de Galicia, a través da compañía de Teatro Lírico Madame Spaguettinni, presenta o espectáculo músico teatral "Érase unha vez a Ópera", no que unha grande diva, Madame Spaguettinni, xunto a un resucitado Mozart e outros simpáticos personaxes, descubriranlles a todos os asistentes os segredos da ópera invitándonos a viaxar a través dun mundo cheo de fantasía, escenificando as arias máis coñecidas do mundo operístico de obras como Don Giovanni, Turandot, Madame Butterfly, La Bohéme, etc. Será o último domingo de novembro no horario habitual do ciclo En Familia, as 18.00 horas, no Pazo da Cultura.

Cantigas medievais

 Pres de Cambrai

Pres de Cambrai

Para o público adulto, unha das novidades deste ano é "O segredo do Pergamiño Vindel", de Pres de Cambrai, unha viaxe guiada á música e a posesía galego-portuguesa do Medievo. Este conxunto compostelán é especialista na recuperación, revisión e interpretación de obras de distintas épocas e estilos. Os integrantes da formación son músicos de consolidada experiencia no ámbito da chamada "música culta" e forman parte doutras agrupacións musicais de grande relevancia. Trátase dun concerto e dunha narración da transcrición que se fixo do misterioso e interesante Pergamino Vindel que contiña sete cantigas de amigo asinadas polo trovador vigués Martín Códax. Un espectáculo que recrea, a través da palabra e da música, o relato dos misterios que, durante séculos se agocharon neste pergamino, dándonos a coñecer a lírica profana galego-portuguesa, cando acaban de cumprirse 100 anos do achádego do documento. Unha cita moi especial para coñecer mellor a historia da nosa propia lírica: o venres 20 de novembro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.

E coma todos os anos, hai outras citas imprescindibles, como o festival pop-rock Live in Cances; os "Sons de aquí" que ofrecen once agrupacións musicais de Carballo, custodios do noso patrimonio inmaterial a través do seu constante traballo e dedicación; os "Arrolos de salitre" de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, que lles aprenden cantos de berce ás nais e pais para que llas transmitan ás súas crianzas; o Festival de Corais e Concerto de Santa Cecilia, coa colaboración das agrupacións corais da vila; ou o peche co Concerto da Banda Municipal de Carballo. E por se a música non fora suficiente, os amantes da fotografía teñen unha cita até o 30 de novembro coa mostra Fotoxornalismo 2014, realizada por 20 xornalistas gráficos da Coruña; e os estudantes carballeses manteñen un encontro co teatro para, con motivo do 25 de novembro, concienciarse contra a violencia de xénero.

Únete á musica e ás notas de novembro en Carballo!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica