Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Comeza novembro e arrinca con concertos, o surf do Campionato Galego en Razo ou o sendeirismo de Senda Nova. Ademais, temos a última cita do FIOT.

VENRES

On Fire

Concerto On Fire “Tributo a Jimi Hendrix”. Sala Dublín. 23.30 h. Comezamos a finde con música cañeira con On Fire, banda que revisa boa parte das cancións que marcaron un fito na historia da música rock e na evolución do son da guitarra eléctrica tal e como o entendemos hoxe en día. Trátase dunha homenaxe á obra dunha icona da música popular do século 20 por parte dun trío de rock con anos de experiencia ás súas costas, representando a súa visión do legado musical de Hendrix, máis aló do personaxe, os espectáculos de pirotécnia, ou a tópica iconografía psicodélica. Cancións como “Foxy Lady”, “All along de watchtower”, “American woman”, “Hey Joe” ou “Fire” volverán á vida na Dublín con César Yáñez na batería, Jenel Vérez co baixo e coros e Carlos Moreno como voz e guitarra. Entrada 3 €. Poden mercarse na propia Dublín.

SÁBADO E DOMINGO

Campionato Galego Infantil e Xuvenil de Surf

4ª Proba Infantil e Xuvenil de Surf e Bodyboard. Praia de Razo. Horarios por confirmar. As ondas da Praia de Razo convértense en protagonistas grazas á celebración da proba do Campionato Galego Infantil e Xuvenil de Surf e Bodyboard, puntuable para o Campionato de España. Á espera da confirmación absoluta, xa que estas citas dependen moito tanto do tempo como das condicións do mar, está previsto competir nas seguintes modalidade:  para surf, sub 12 mixto e sub 14, sub 16 e sub 18 en categoría masculina e feminina; para bodyboard, sub 16 e sub 18. Non perdades a oportunidade de ver aos mellores surfeando nunha das praias máis axeitadas para a práctica deste deporte. A Federación Galega de Surf, organizadora da cita xunto con Teiron Surf Club, confirmará os horarios e a participación ao longo da xornada do venres 6 de novembro no seu web, que podedes consultar aquí.

DOMINGO

Terras do Marqués

A ruta "Terras do Marqués" transcorre por Carballo

Outono en marcha. Ruta “Terras do Marqués”. 8.15 h. O IV Outono en Marcha ofrece percorridos de sendeirismo por lugares de especial valor patrimonial, histórico, natural e paisaxístico de Bergantiños, mudando o punto de vista para observar a comarca a través da choiva, das follas secas e do outono. O domingo 8 de novembro é o roteiro "Terras do Marqués" polo Concello de Carballo. Con saída en Gontade e chegada en As Pallas, inclúe a visita a dúas mámoas, un castro e ao Pazo de Vilardefrancos, rematando no Pazo das Pallas. A distancia é de 14 quilómetros e a dificultade media. A cita, que dura todo o día, ten programada a saída dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela de Carballo.  O prezo para partipar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Inscricións no 696 155 232.

Final do XV Certame de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. Pazo da Cultura. 18.00 h. Aínda que o pano das funcións de sala do FIOT baixou o sábado 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro pecha a súa 24 edición cunha das actividades paralelas máis senlleiras da cita, a final do Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís" que vén de cumprir 15 anos. Seis grupos finalistas defenden as súas pezas no auditorio do Pazo da Cultura para optar a 700 euros en premios, máis 150 euros en accésits. A entrada é de balde.


Ligazóns

Vídeos

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica