Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Penúltima fin de semana do FIOT con estreas de prestixio e teatro galego, pero tamén co Carballo Outonal Market, concertos ou sendeirismo

VENRES, SÁBADO E DOMINGO

Carballo Outonal Market

Carballo Outonal Market. En doce tendas do centro. Horario comercial. Os veciños e veciñas que se acheguen os días 23, 24 e 25 de outubro ao comercio do centro carballés poderán disfrutar das vantaxes do Carballo Outonal Market, que chega nesta, a súa primeira edición para ofrecer produtos de calidade aos mellores prezos. A Fragua de Mo, Atelier, Ave Paraíso, Bámbola Moda Íntima, Zapatería Infantil Cris, Mar de Encuentros, Bema, Poppy, Tasmania, Teirón, Zapatería Esther e Zapatería Zocas ofrecen descontos de ata un 15 por cento en produtos seleccionados para presentar a moda da tempada outono-inverno, incluíndo roupa, calzado, complementos ou mesmo tratamentos de beleza. Ademais, o domingo 25 a cita coincide coa feira tradicional. Compra no comercio da vila co Carballo Outonal Market!

VENRES

Café con… Teatro do Morcego. Sala TV. Pazo da Cultura. 19.00 h. Encontro con compoñentes da compañía galega Teatro do Morcego, que interpretan máis tarde no FIOT a obra “Presidente”. No encontro participarán os intérpretes da obra e outros integrantes da compañía. O obxectivo das citas do “Café con…”  é o de achegar os espectáculos teatrais ao público dun xeito informal e distendido, resolvendo dúbidas e curiosidades mentras gozan dun agradable momento tomando un café. 

Teatro do Morcego presenta "Presidente". Pazo da Cultura. 21.00 h
. A comedia política "Presidente", protagonizada polo Xograr de Outono do FIOT, Celso Parada, visita o auditorio do Pazo da Cultura. Parada estará acompañado por rostros ben coñecidos da escena teatral da nosa comunidade como César Goldi, Federico Pérez, Iolanda Muíños e Merce Castro. A compañía Teatro do Morcego presenta esta obra recentemente estreada de Xosé L. Prieto, un xoven autor galego que xa ten varios premios Max e María Casares. O argumento céntrase na campaña electoral do Presidente, que visita persoalmente os votantes nas súas casas para convencelos de que a súa opción é a mellor. Duración do espectáculo 90 minutos. Entradas esgotadas.

SÁBADO

Teatro Meridional estrea no FIOT "Los esclavos de mis esclavos"

Xornada de achegamento de recursos en galego para formadores infantís. Fórum Carballo. 10.00 h. O Fórum Carballo acolle de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas unha xornada para que formadores e formadoras infantís coñezan recursos para ensinar en galego, musicais, audiovisuais, dixitais, contos, materiais didácticos, xogos, etc. Os asistentes poderán coñecer como acceder a unha manchea de materiais en galego que están ao seu dispor, como, por exemplo, uns cantos discos e recursos musicais na rede ben xeitosos, ademais de actividades concretas para traballar coa música nas escolas infantís. Esta é unha acción formativa gratuíta enmarcada dentro do proxecto Apego (www.apego.gal), que procura facilitar a socialización en galego dos máis cativos e cativas desde a primeira infancia.

Fiotiño. Obradoiro de locutores de radio. Biblioteca Rego da Balsa. 11.00 h. O FIOT organiza no marco do Fiotiño o obradoiro "Locutores de radio", no que 15 rapaces e rapazas de 10 anos en diante aprenderán a escribir un guión para a radio vinculado ao mundo do teatro. Trátase dunha experiencia única para fomentar a creatividade, a expresividade e o traballo en equipo a través dun divertido xogo de radio para dramatizar e crear historias. Esta é a segunda xornada deste taller, que celebrará unha nova sesión no mesmo horario o sábado 31 de outubro.

FIOT. Teatro Meridional estrea “Los esclavos de mis esclavos”. Pazo da Cultura. 21.00 h. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo é o escenario da estrea mundial da obra "Los esclavos de mis esclavos” da compañía madrileña Producciones Meridional, coa que o festival mantén unha longa relación e que foi merecedora do Premio do Público do FIOT en 2003. Trátase dunha obra de gran intensidade, que parte do pequeno microcosmos dun secuestro nunha cova nas montañas de Afganistán para falar do macrocosmos humano e xeopolítico no que estamos inmersos. A duración prevista do espectáculo é de 80 minutos.  Entrada 10 €, dispoñibles en <ataquilla.com>.

Concerto con The Cerne e Strobos. Sala Dublín. 23.30 h. Concerto de rock dos anos 70 e 80, cos grupos carballeses Strobos e The Cerne, con versións dalgúns das melloras bandas de música desa época como Pink Floyd, Metallica, Dire Straits, Joan Jett, Creedence Clearwater Revival, The Knack, Tina Turner, Jet, Free, Hinder, Joe Cocker, Robert Tepper, etc. Boa música para pasar unha estupenda noite na Dublín.

DOMINGO

O OTNI presenta "Locus Amoenus"

Outono en marcha. Ruta “Senda das Capelas”. 8.15 h. O IV Outono en Marcha ofrece percorridos de sendeirismo por lugares de especial valor patrimonial, histórico, natural e paisaxístico de Bergantiños, mudando o punto de vista para observar a comarca a través da choiva, das follas secas e do outono. O domingo 25 de outubro é o roteiro "Senda das Capelas". Transcorre polo Concello da Laracha, parroquia de Santa Margarida de Montemaior e percorre 16 quilómetros, cunha dificultade media. A cita, que dura todo o día, ten programada a saída dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela de Carballo.

OTNI. Atresbandes estrea en Galicia "Locus Amoenus". 21.00 h. A sexta edición do Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) trae a Galicia a estrea da obra "Locus Amoenus"dos cataláns Atresbandes, unha compañía que, pese á súa xuventude, ten xa unha relevante proxección internacional. Gañadora do Premio á Mellor Dirección no Skena Up Festival de Kosovo e finalista do Premio BBVA de Teatro, trátase dun traballo de creación colectiva, representado desde a naturalidade e inspirado no relato "El Túnel", de F. Dürrenmatt. Esta peza vai na procura do "Locus "Amoenus", un lugar idílico, de confort, que na actualidade é sinónimo de pracer, xuventude eterna e vacacións da realidade. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos. Entradas 3 € en <ataquilla.com>.


Ligazóns

Vídeos

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica