Sofán
Río Carral
Extensión: 22, 57 km²
Poboación:1582 habitantes
Na estrada que vai de Carballo a Ordes atoparemos a parroquia de Sofán, na conca do Rosende. Sofán é unha das parroquias máis grandes e poboadas do concello. A historia pasou como “Sofán das Mártires”, debido a un sanguento episodio de principios do século XX no que varias mulleres morreron a mans da garda civil.
Á beira da ampla igrexa parroquial, que combina o estilo barroco co neoclásico, veredes un pequeno xardín que, en realidade agocha os restos dun antigo cemiterio. Aló polo 1919, a “gripe española” segoulle a vida a moitas das veciñas e veciños da parroquia.
Igrexa de San Salvador de Sofán
O cemiterio quedou pequeno e as autoridades intentárono clausurar, en contra do parecer dos parroquianos. Pretenderon obrigar pola forza a facer os enterramentos nun cemiterio de nova construción e o conflito estalou no enterramento dun meniño. O 16 de outubro, catro mulleres, unha delas embarazada, foron asasinadas polos disparos da garda civil. Os xornais do momento deron conta do acontecido como un capítulo das loitas agraristas.
No adro da igrexa, recentemente ampliado, érguese un dos cruceiros máis valiosos e antigos da parroquia, datado no 1660. Non lonxe, a uns 250 metros, está o castro de Cotomil, que poderedes distinguir como un alto no terreo cuberto de piñeiros e rodeado de terras de labranza.
En Sofán celébrase unha concorrida romaría, a de Santo Adrián, o 16 de xuño, que ten lugar no lugar da Piña. Aínda é hoxe o día que as e os fieis lle ofrecen ao santo (ao parecer, avogoso para as verrugas) polos e galos, que logo son vendidos nunha poxa.