Axenda da finde
Pasamos o ecuador de outubro atrapados polo FIOT, pero sempre temos alternativas. Para os amantes dos cogumelos, saída micolóxica con Lumieira.
VENRES
Draft.Inn presentan no FIOT "Los nadadores nocturnos"
Café con… Draft.Inn. Sala TV. Pazo da Cultura. 19.00 h. Encontro con compoñentes de Draft.Inn, que interpretan máis tarde no FIOT a obra “Los nadadores nocturnos”. No encontro participarán o autor da obra, José Manuel Mora, e un dos intérpretes. O obxectivo das citas do “Café con…” é o de achegar os espectáculos teatrais ao público dun xeito informal e distendido.
FIOT. Draft.Inn estrea "Los nadadores nocturnos". Pazo da Cultura. 21.00 h. A compañía madrileña Draft.Inn estrea para Galicia no FIOT "Los nadadores nocturnos", considerada como unha das mellores montaxes do ano e gañadora do Max 2014 ao mellor Espectáculo Revelación, ademais de ser semifinalista en categorías como a autoría e a dirección. Este soberbio e arriscado espectáculo integra nunha linguaxe propia teatro, danza e música a través de historias cruzadas e seres á deriva que se senten vítimas do amor e que explotan ante a mirada cómplice dos espectadores. Entrada 7 €. Dispoñibles en <ataquilla.com>.
SÁBADO
VIII Xornadas micolóxicas de Lumieira. Saída: Fórum Carballo. 10.30 h. Estamos en tempo de setas, e a Asociación Cultural Lumieira organiza dúas xornadas de saídas micolóxicas ao monte para poder recoller algúns prezados exemplares. O coordinador da xornada é Manuel Pose Carracedo, que guiará aos participantes polos montes da contorna. O regreso está previsto para as 16.30 horas, cando se realizará a catalogación dos produtos recollidos e a valoración da xornada. A segunda xornada está prevista para o sábado 24 de outubro. Nese caso o coordinador será José María Traba Velay. Inscricións e máis info nos teléfonos 609 884 714 e 647 437 906. Tamén é posible obter máis información e anotarse no enderezo electrónico a.c.lumieira@gmail.com. Aos ricos cogumelos!
Fiotiño. Obradoiro de locutores de radio. Biblioteca Rego da Balsa. 11.00 h. O FIOT organiza no marco do Fiotiño o obradoiro "Locutores de radio", no que 15 rapaces e rapazas de 10 anos en diante aprenderán a escribir un guión para a radio vinculado ao mundo do teatro. Trátase dunha experiencia única para fomentar a creatividade, a expresividade e o traballo en equipo a través dun divertido xogo de radio para dramatizar e crear historias. Esta é a primeira xornada deste taller e as prazas están esgotadas , pero está previsto celebrar novas sesión no mesmo horario os sábados 24 e 31 de outubro.
Blanca Portillo presenta no FIOT "El testamento de María"
OTNI. Microteatro coa compañía Pez Limbo e "Mamá gallina". De 12.30 a 20.30 h. A compañía vasca Pez Limbo ofrece no marco do OTNI varias funcións da súa comedia "Mamá Gallina", unha peza de microteatro que se representará no Pazo da Cultura desde as 12.30 ata as 20.30 horas (sesións ás 12.30 h / 13.00 h /19.00 h / 19.30 h / 20.00 h / 20.30 h). Esta obra contén grandes doses de humor en pequeno formato (15 minutos de duración), que achega feitos insólitos a espazos cotiáns provocando situacións inverosímiles. A historia fala dun embarazo longo dunha nai novata, que saíu de contas en pleno mundial do 82 e que acode ao médico para una revisión rutineira. A partir de aí, converterase en toda unha reflexión sobre algo máis profundo, pero sempre aderezada cun bo sentido do humor. Entrada 1 €.
FIOT. Blanca Portillo presenta "El testamento de María". Pazo da Cultura. 21.00 h. O FIOT 2015 chega a un dos sesus momentos máis esperados coa representación de "El testamento de María". A actriz Blanca Portillo (Premio Nacional de Teatro 2012) protagoniza unha audaz revisión da figura de María, recuperando a cara máis humana da nai de Xesús, unha muller na vellez que revive os fantasmas do pasado, descubríndonos quen é, non o que a memoria histórica quixo facer dela. En "El testamento de María" podemos ver a unha muller sinxela cun único fillo, arrebatado por unha decisión divina e un odio humano que lle infrinxe a maior das dores. Por ese labor de descubrir quen está detrás desa icona que é a Virxe, Portillo foi merecedora do recoñecemento á mellor actriz nos Premios Max. Entradas esgotadas.
DOMINGO
"Constelaciones" está protagonizada por Inma Cuevas
Café con… Kendosan Producciones. Sala TV. Pazo da Cultura. 19.00 h. Encontro con parte dos protagonistas da obra “Constelaciones”. O público poderá coñecer curiosidades desta obra da man da gañadora do Premio á mellor actriz protagonista 2015 pola Unión de Actores, Inma Cuevas, e tamén protagonista da montaxe. O obxectivo das citas do “Café con…” é o de achegar os espectáculos teatrais ao público dun xeito informal e distendido.
FIOT. Kendosan Producciones representa "Constelaciones". Pazo da Cultura. 21.00h. A segunda fin de semana de funcións de sala no FIOT pecha con "Constelaciones". Dirixida con mestría por Fernando Soto e interpretada por dous excelentes actores (Fran Calvo e Inma Cuevas), "Constelaciones" -do británico Nick Payne-, explora o libre albedrío, a amizade, a teoría do universo cuántico, facendo que o amor e o mel se unan para vivir universos paralelos e descubrir o segredo da inmortalidade. Inma Cuevas (Premio á mellor actriz protagonista 2015 pola Unión de Actores) interpreta a unha física cuántica que coñece a un apicultor caracterizado por Fran Calvo. Entre eles as posibilidades serán ilimitadas nunha intelixente historia de amor. Entrada 7 €. Pode mercarse en <ataquilla.com>.