Axenda da finde
Estamos de ponte, e está claro que o noso é puro teatro. O FIOT invade Carballo! Para os menos teatreiros, temos arte ou as festas da Pilarica!
VENRES
Chirigóticas estrean en Galicia "Juanita calamidad"
Estrea en Galicia de “Juanita calamidad” de Chirigóticas. Auditorio do Pazo da Cultura. 21.00 h. O Festival Internacional Outono de Teatro abre as función de sala coa estrea de Chirigóticas "Juanita calamidad". Juanita escoita unha voz que lle aconsella un pouco de sensatez. Xa vai tendo uns aniños. Pero esa mesma noite pecha todos os bares, é arrestada por escándalo público, e remata no calabozo, onde a súa sorte cambiará para sempre. Será a hora de cambiar para Juanita Calamidad? Esta "anti-Yerma" remisa á maternidade e a calquera compromiso chega ao FIOT só unha semana despois da súa estrea. Entrada 7 €. Pode mercarse en ataquilla.com. Duración prevista do espectáculo: 90 minutos.
"Federico Pérez está no mundo porque ten que haber de todo", con Federico Pérez. Cervexaría A Bombonera. 23.00 h. O actor Federico Pérez é coñecido pola súa traxectoria en televisión por personaxes como Moncho, o de “Era Visto!” ou por Josito, o de “Padre Casares”. Presenta agora na Rúa dos Contos o seu monólogo, no que o público poderá gozar dun xeito especial de contar as cousas, con moita tranquilidade, coma quen fala cos amigos tomando un viño na taberna. Entrada 4 €.
"Encomendados a San Záfate" de Avelino González. Cafetaría Valle Inclán. 00.30 h. Vimos a este mundo para zafarnos, pasamos a vida zafando. Ese é o argumento deste monólogo de Avelino González que conta historias de xente que, mal ou ben, foi zafando. E sorte que tiveron! Actor de teatro e ben coñecido polos seus traballos nas series de televisión, Avelino é un dos mestres dos contadores de contos galegos, un asiduo ao festival que nunca defrauda. Entrada 3 €.
SÁBADO
Boneca lareta son Xabier Deive e Luís Iglesia
Inauguración de “Sentidos e simplicidades”. Biblioteca Rego da Balsa. 12.00 h. A ilustradora, deseñadora e experta en arte urbano Laura Tova inaugura unha exposición na Biblioteca na que se recolle os traballos realizados durante o obradoiro que ela mesma impartiu nas instalacións a través do colectivo Crea Formas. Sorprendentes e mesmo espectaculares os resultados de moitos destes traballos que se realizaron en dúas sesións durante o mes de agosto.
Sesión dobre RC. Mercado Municipal. 20.00 h. Segunda Sesión dobre da Rúa dos Contos con Juancállate de Pez en Raya e Boneca Lareta. Juancállate (ou o que é o mesmo, Joan Estrader) presenta "Mr. Kebab", que chega sen estrela Michelín para deleitarnos cunha velada de humor e maxia absurda. Un monólogo irreverente, tolo e marabillosamente disparatado, absurdo e surrealista.
Xa a partir das 22.15 horas Boneca Lareta presentan "Filosolfando". Xabier Deive e Luís Iglesia, dous actores televisivos de gran popularidade e tamén músicos, soben por primeira vez ao escenario da Rúa dos Contos para reflexionar sobre unha cuestión sinxela, mundana e simple: A existencia! Escrita e dirixida por Diego Rey, esta é unha comedia a doce cordas sobre o lado escuro da vida, no que o espectador poñerá en cuestión o "Pensa, logo existe". Pero de verdade facemos unha cousa antes cá outra? Entrada 5 € con acceso aos dous espectáculos.
Concerto de Os Revenidos. Cafetaría Dublín. 00.30 h. Os Revenidos pechan o programa do sábado para unha Rúa dos Contos que tamén tivo e ten espazo para a música. Son un Grupo de Arteixo composto por seis músicos cun estilo difícil de etiquetar. Versións de cancións dispares con adaptacións moi persoais. Con gran doses de humor poderemos bailar e cantar con adaptacións de temas de Enrique Iglesias, Antonio Orozco, AC/DC ou Michael Jackson… un verdadeiro espectáculo no que o sorriso esta garantido. Entrada 3 €.
DOMINGO
Os Sete Magníficos Máis Un estarán no Bulevar Musicafé
“Edipo” de Companhia do Chapitô. Pazo da Cultura. 21.00 h. O "Edipo" de Sófocles é un heroe tráxico, é complexo, é cólera, é fatalidade, é logos, pathos, hybris, eros, thanatos, e unha outra gran cantidade de "is", "eisis" e "thos". O "Édipo" da Companhía do Chapitô é desafortunado, é torpe, é asediado, é vilipendiado, é sucio, é un eivado e outra gran cantidade de "puns", "aus!", "trunges" e "Fsssts". Reinventado e sen complexos. A cómica fuxida de Edipo do seu terrible destino. Desde a imaxinación, a xesticulidade e o humor que caracteriza os seus traballos, esta compañía portuguesa dálle nova vida a un sen fin de personaxes do mito grego. Entrada 7 €. Pode mercarse en ataquilla.com. A duración prevista do espectáculo é de 75 minutos.
"O falar non ten cancelas" de Os Sete Magníficos Máis Un. Bulevar Musicafé. 22.30 h. Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei, Os sete magníficos máis un, protagonizan a Estrea en España de “O falar non ten cancelas”. Hai xente que fala por falar. Outros falan polos cóbados. E algúns falan os sete alares. Coa certeza de que vivimos nun país de historias e co espírito da retranca tatuado na pel. A compañía Os Sete Magníficos Máis Un realizarán unha estrea de falares que non teñen cancelas. Humor, xiros da lingua e dobres sentidos. Unha auténtica gala do humor. Entrada libre.
"Historias do límbico" con Oswaldo Digón. Pub O'Patacón. 00.00 h. Oswaldo Digón chega a Carballo con contos nos que fala das emocións. Algúns recompilados, outros inventados e outros son vividos. "O mundo está cheo de historias, é o que vexo cando abro os ollos", dicía Neil Gaiman, e Oswaldo transmíteos con humor que é a emoción que mellor comunica e porque non sabe rezar doutra maneira. Entrada libre.
LUNS
O OTNI comeza con "Latente"
Ciclo OTNI. "Latente" de Paula Quintana. Pazo da Cultura. 21.00 h. Arrinca o ciclo OTNI do FIOT, aquel dedicado ás propostas máis alternativas e orixinais. E faino dende Canarias con "Latente", de Paula Quintana. Na vida levántaste, fas o que tes que facer e déitaste, acumulas éxitos e fracasos pero debaixo de todo isto, todos estamos buscando algo que está na alma de cada un e que queremos coñecer. Esta historia de soños anhela achegar o ser humano ao ser humano. A historia ocorre en medio de nós. Teatro, danza contemporánea, flamenco, reflexión e humor son os elementos que fusiona a intérprete canaria, acadando un orixinal e máxico universo artístico. Entradas, 3 € en ataquilla.com.
“Almiñas” con Quico Cadaval. A Barra Bar. 22.30 h. Quico Cadaval, todo un mestre da narración, e tamén dramaturgo e director teatral - ademais de Xograr de Outono- pecha a XVII edición da Rúa dos Contos coa estrea da súa última creación, "Almiñas". Tres vellas historias de inocentes contadas dunha maneira totalmente nova. A inocencia é unha das cinco maneiras de "non saber". Na fala popular aparece a palabra inocente como piadoso eufemismo para non dicir parvo. E a inocencia é unha das cinco maneiras de saber a verdadeira. Entrada 4 €.
DOMINGO E LUNS
A orquestra Funçao Publika actúa nas festas da Pilarica
Festas da Pilarica. Barrio do Chorís. Como cada ano o 12 de outubro festéxano por todo o alto no barrio do Chorís. Comezan o domingo con sesión vermú ás 14.00 h. co Grupo Fama. Pola tarde, a partir das 18.00 h. haberá pasarrúas cos gaiteiros Sementes do arte e xa pola noite ás 23.00 horas a gran verbena con dúas orquestras: Ciclón e Funçao Publika. Esta última é unha orquestra portuguesa moi coñecida no país veciño. Óscar Álvarez, da Comisión de Festas, di que é a “Panorama portuguesa” e que “merece a pena vela”. Avisados quedades! Xa o luns comeza de novo a festa con pasarrúas coa Banda de gaitas Lembranzas de Bergantiños e a Charanga Mekánica. A misa de campaña é ás 13.30 h. no campo da festa e na sesión vermú volven estar a Charanga Mekánica e actúa a orquestra Abanico. Pola tarde, achegámonos ao remate co Campionato de chave ás 17.00 h. E tamén a partir das 17.00 h. haberá festa da espuma, inchables e toro mecánico de balde para todos os nenos e nenas que queiran achegarse. Haberá carpa. Unha finde para todos os gustos e todas as idades!