O teatro transfórmase en arte na súa versión máis orixinal
Tres artistas carballeses, Mon Lendoiro, Laura Tova e Eva Facal interpretan a través das súas obras o fío condutor da 24 edición do FIOT
De esquerda a dereita, Mon Lendoiro, Laura Tova e Eva Facal
O teatro é arte, e como arte tamén pode vivir a través da pintura, da fotografía, da escultura ou de calquera outra manifestación artística, respirando outras sensibilidades coas que ten elementos en común. Por iso, este ano o Festival Internacional Outono de Teatro ten a súa propia exposición artística inspirada no seu fío condutor.
Así, cada ano o FIOT xira arredor dun leit motiv que artella o esqueleto no que se asentan os espectáculos, nomeadamente o teatro de sala. Desta volta, é a “Versión orixinal”, a VO dos personaxes, que reclaman o protagonismo da súa voz, da súa propia versión sobre a súa vida. Más aló da historia más visible ou oficial, defenden a súa mirada persoal e íntima e convértennos en testemuñas e cómplices da “súa” versión orixinal. Agora, os creadores carballeses , Eva Facal, Mon Lendoiro e Laura Tova interpretan a través das suas obras o fío condutor desta 24 edición do FIOT.
Cada un deles reflicte a través do seu traballo o que para eles significa a “versión orixinal”, é dicir, tres versións diferentes sobre un mesmo concepto e idea. Mon Lendoiro opta por unha pintura misturada con collage, Laura Tova expón unha obra pictórica fusionada con outros elementos e Eva Facal montou unha instalación. O resultado: tres obras fusionadas nunha soa, pero cada unha con entidade propia.
Ademais, os artistas fixeron súa a sala de exposicións do Auditorio do Pazo da Cultura, mudándoa para que tamén forme parte da súa intervención artística, cun aspecto sorprendente e totalmente distinto do habitual. Os tres xa teñen coincidido anteriormente noutros proxectos, destacando entre eles a iniciativa “Derrubando muros con pintura”, que mudou a vila nunha gran galería de arte ao aire libre para paliar os efectos do feísmo no entorno urbano.
Creadores de longa traxectoria
A artista Eva Facal, sobriña do escultor carballés Manuel Facal, acumula unha traxectoria de 15 anos no mundo das artes plásticas. Formada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, traballou como deseñadora en empresas de publicidade e grandes compañías e actualmente dedícase ao seu obradoiro de debuxo e pintura en Carballo. Forma parte da Asociación Crea Formas, á que tamén pertencen Mon Lendoiro e Laura Tova. Esta última, tras o seu paso pola escola de Arte e Deseño Superior Pablo Picasso da Coruña e curtida en talleres con algúns dos máis grandes ilustradores (Chris Haughton, Pablo Amargo e Miguel Tanco), é toda unha experta en ilustración, deseño e arte urbano. E Mon Lendoiro é un dos pintores e ilustradores máis polifacéticos de Carballo e todo un referente. Recentemente inaugurou unha nova galería en Carballo, Garabato, e é o presidente da Asociación Crea Formas, que aglutina a pintores, fotógrafos, deseñadores e ilustradores de toda a comarca de Bergantiños.
Se queredes vela, podedes facelo do 8 de outubro ao 1 de novembro no andar -1 do Pazo da Cultura en horario de 18.00 a 21.00 horas e os días de función antes do comezo dos espectáculos. FIOT e arte, que máis se pode pedir?