Axenda da finde
A Rúa dos Contos invade Carballo esta fin de semana, pero tamén temos pesca, moda ou as festas de San Campio de Cances. Vive o mes de outubro!
VENRES
“Conto do sal” con Os Quinquilláns. Xardín Municipal. 19.00 h. Os Quinquilláns realizan unha expedición aos fondos mariños para descubrir como viven os peixes de cores, os cabaliños de mar ou a mantaraia. Os investigadores mariños e tripulantes Rías e Norai contarannos cal é a orixe do sal na auga do mar. Divertido espectáculo para nenos e maiores para abrir os espectáculos da Rúa dos Contos. Entrada de balde.
Estrea do espectáculo "Múltiple", de Antón Coucheiro. Mesón A Cabaña. 21.00 h. A Rúa dos Contos acolle a estrea en España do novo espectáculo de Antón Coucheiro, "Múltiple". Somos só unha persoa, ou a nosa personalidade está habitada por múltiples personaxes? Con música en directo, e a través dunha "terapia" de soños, e das propostas do público, iranse esfiando historias improvisadas nas que os espectadores descubrirán que nun só corpo caben millóns de universos. Entrada libre.
“Os contos que non me contaron", de Paula Carballeira. Cafetaría Colón. 22.30 h. A Xograresa de Outono de 2010, Paula Carballeira, volve un ano máis á Rúa dos Contos. A actriz, dramaturga, directora e tamén narradora trae novas historias. Búscaas nas persoas que coñece e nas que non coñece, nas paisaxes que ve e nas que imaxina. Entrada libre.
“Humor Salvaxe” con Pepo Suevos. Cervexaría A Boa Estrela. 00.00 h. As palabras claras e a fala sen rodeos caracterizan a Pepo Suevos, un contador ferrolán, que é todo enerxía enriba do escenario. Avalado por máis de mil actuacións, é coñecido tamén polos seus traballos como actor. Entrada 3 €.
SÁBADO
Desfile do CCA. Rúa Jacinto Amigo Lera. 21.00 h. Carballo acolle un ano máis o desfile coa moda de outono do CCA Carballo. Máis de 100 modelos de entre 4 e 76 anos colaboran para facer posible esta cita na que participan boa parte dos establecementos de moda da vila e que cada ano enche a carpa preparada especialmente para o evento. A entrada custa 2 euros e dá acceso ao recinto e o dereito a participar no sorteo de tarxetas regalo consumibles nos establecementos asociados. Os tickets poden mercarse nunha carpa na rúa Coruña a partir das 19.00 h. do venres 2 de outubro e a partir das 18.00 horas o mesmo día do desfile. Benvidos ao día da moda carballesa!
"Historias de vida, amor, guerra e case morte" con Daboapipa. Bodegón O Pescador. 21.00 h. A compañía Daboapipa (Santi Prieto e Vero Rilo) chega por primeira vez á Rúa dos Contos para amosarnos historias de amor, emigración e guerra narradas dende a tenrura e a emoción nun espectáculo que arrancará bágoas, lembranzas e sorrisos entre os asistentes. Con música ao vivo e unha narración oral especial, achegarannos aos contos dos nosos maiores e á realidade na que vivían dun xeito cálido, senlleiro e divertido. Entrada libre.
"Vip, vas vindo pureta" de Manuel de Eva. Cervexaría Ágora. 22.30 h. A segunda actuación do sábado na Rúa dos Contos lévanos á Cervexaría Ágora con Manuel de Eva, que presenta "Vip, vas vindo pureta". O cantante dos Revenidos presenta un espectáculo divertido e moi sorprendente, grazas ao gran talento para o humor deste músico e showman arteixán froito dos máis de dez anos facendo monólogos nos circuítos afeccionados. Entrada libre.
Chanson Mor'mon estrean "El fin del mundo está cerca". A Barra Bar. 00.00 h. Chanson Mor’Mon presentan o seu espectáculo "El fin del mundo está cerca" na Rúa dos Contos. Tres almas perdidas, tres pobres pelegríns volven á casa. E deciden oficiar unha cerimonia para exorcizar os hits de chiringuito e salvar ao pobo de si mesmo. Coa música de Chanson Mor'mon proponse desenterrar e reivindicar algunhas das máis terribles cancións da música dos nosos tempos para reestructuralas, reversionalas e poder rirse do peso que teñen na memoria popular. Concerto teatralizado a cargo de Federico Bonacorso, Natxo Laborda e Mario Rebollo. Non todo o que brilla é ouro, nin todo o que é ouro brilla! Entrada 3 €.
SÁBADO E DOMINGO
I Open Pesca Razo. Praia de Baldaio. Carballo organiza o seu I Open Pesca Razo, ou #pescarazo, a primeira competición de pesca deportiva que se celebra nos areais carballeses e que concregará a numerosos afeccionados na praia de Razo- Baldaio. Toda a fin de semana está concibida como un punto de encontro para toda a familia, de tal xeito que non só os competidores, senón tamén os acompañantes e o público asistente coñeza a arte da pesca, xa que está previsto organizar cursiños e charlas de achegamento a este deporte para todas aquelas persoas que se acheguen para gozar dos nosos areais. A proba contará con dúas modalidades, unha que terá lugar o sábado 3 a partir das 16.00h, o surfcasting; e outra o domingo 4 a partir das 8.00h, o spinning. Convidámosvos a todos e todas a achegarvos ás nosas marabillosas praias, sexades afeccionados ou non a este deporte, para gozar do noso litoral e aprender un pouco máis sobre pesca. Sorte a todos os participantes!
Festas de San Campio de Cances. Cances acolle a celebración das Festas de San Campio, con verbenas e actividades o sábado 3 e o domingo 4 de outubro. Comezamos o sábado coa misa solemne ás 13.00 h. e o baile de volta da misa coa Orquestra Compostela. Pola tarde, a partir das 18.00h, é o Día do Neno con xogos infantís, inchables, toro mecánico etc. Xa pola noite, celébrase a verbena coas orquestras Ciclón e Compostela. O domingo, de novo misa ás 13.30 h. na honra da Virxe do Rosario e baile de volta da misa co Dúo Diamantes e Checho e Salva. Haberá unha gran carpa para acoller os festexos. Non perdades unha das últimas verbenas da tempada!
DOMINGO
Sesión dobre RC. Mercado Municipal. 20.00 h. A Rúa dos Contos estrea na súa XVII edición as Sesións dobres RC, que terán lugar as dúas fins de semana da rúa no Mercado Municipal. A primeira é o domingo 4 de outubro con dúas excelentes propostas: Félix Albo e Mofa e Befa. Albo presenta ás 20.00 horas “El pueblo de los mellados”. Catro asasinatos perturban a vida rutineira de todo un pobo. O Garda Civil autóctono leva a cabo unha investigación sen par que aínda altera máis a vida dos paisanos. Sospeitosos? Hainos. E un santo, un forasteiro, e unha moza de Murcia, e un sen fin de personaxes máis. Tamén un panadeiro, un campaneiro, un peixeiro e un enterrador, pero estes son os mortos. Unha historia delirante, de humor e intriga. Ás 21.30 h. toman o relevo Mofa e Befa con “A galiña”. Pola gala benéfica máis pequena do mundo, A galiña, pasarán todos os artistas que non queren noutras galas: os 33 Reiseñores da Porqueira, Mostar & Belfast os comisarios da Unión Europea cantantes e malabaristas, escenas prohibidas da Historia Sagrada ou Mago Changüi e a súa galiña vidente das Antillas. Mofa & Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, coa dirección de Quico Cadaval) lanzan o seu espectáculo máis portátil da súa historia, deixando atrás, superadas, as súas experiencias coa alta cultura e regresan ao estilo máis acedo. Entrada 5 €.