Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A irreverencia da Rúa dos Contos invade os bares...

Compartir:

A irreverencia da Rúa dos Contos invade os bares e tascas de Carballo

Dezaoito espectáculos, doce locais hostaleiros e moitas, moitas gañas de rir nunha nova edición da proposta máis gamberra do FIOT

Os sete magníficos máis un

Os sete magníficos máis un estarán no Bulevar MusicCafé

Chega a faciana máis cañeira do FIOT. A que vive de noite entre trasnadas e irreverencias. A que respira rúa e diversión. A que conecta coa nosa parte máis espontánea e divertida. A ovella negra do festival, que desafía os convencionalismos para facer o que lle peta e como lle peta durante dúas fins de semana. Chega a Rúa dos Contos. As primeiras noites de outubro viven coa complicidade dos locais de hostalería e dezaoito espectáculos que poden acompañarse dunha tapiña, dun café, dunha caña ou dunha auga, e tamén de conversas, de risos e do abeiro da escuridade. Contos, monólogos, música, maxia, improvisación, clown ou variedades. Todo vale para expresar historias que conmoven coa risa, e tamén coa reflexión, pero sempre fuxindo dos corsés e buscando sorprender, este ano tamén co teatro de rúa e sempre ao cabo das novidades da escena galega.

De novo, o mercado municipal

Mofa e Befa

Mofa e Befa presentan "A galiña" no Mercado

Doce locais hostaleiros aos que se une un ano máis o segundo andar do Mercado Municipal nos que poder gozar co humor máis canalla. O Mercado volve a ser parte da Rúa dos Contos para reconverter este espazo en sala de teatro e darlle acubillo a unha nova proposta, as Sesións Dobres RC, un paquete escénico especial en dous tempos que agrupa dous espectáculos de gran nivel. Seis das obras serán estreas, tres delas en Galicia e outras tres estreas absolutas, e xunto ás novidades figuran tamén os grandes referentes que, despois dunha programación estable de dezasete anos, fan da Rúa dos Contos un emblema da narración oral.

Entre os nomes están Quico Cadaval, Paula Carballeira, Avelino González e Mofa e Befa, ben coñecidos polo público carballés. Pero tamén hai un pouco de música co concerto de Os Revenidos; ou a primeira vez dos coñecidos actores Xabier Deive e Luís Deive como Boneca Lareta; e historias Daboapipa; e a presenza de Félix Albo ou Oswaldo Digón. Múltiples propostas de diferentes estilos, algunhas de balde, outras de pago. Algunhas máis rompedoras, outras co humor de sempre. Pero todas de calidade entre o 2 e o 12 de outubro e mantendo o espírito único da Rúa dos Contos. Agardámosvos!


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica