Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A faciana máis orixinal e tradicional da nosa...

Compartir:

A faciana máis orixinal e tradicional da nosa artesanía ocupa o Pazo da Cultura

O andar-1 acolle unha exposición dedicada ao X Certame Antonio Fraguas da Deputación da Coruña até o 28 de setembro

artesanía

A obras son moi orixinais

Xoias, cerámica, coiro, esculturas, roupa, cadros, instrumentos musicais ou encaixe. Son algunhas das pezas que podedes atopar na exposición dedicada ao "X Certame de Artesanía Antonio Fraguas" da Deputación da Coruña. Moitos dos nomes das obras son evocadores como un colar titulado “Saio de festa” ou unha lámpada chamada “Just in case” (“por se acaso”, en inglés). As formas de moitos dos traballos tamén son orixinais, como no caso dunha escultura que reproduce un bico moi especial entre dúas figuras de madeira, unha escultura dun San Antón co neno Xesús, ou un traballo de fotocerámica no que podemos observar unha das famosas canles de Ámsterdam. Imaxinación, variedade de temas e creatividade van da man nos traballos presentados, que pelexaron por conseguir os premios, dotados con un total de 9.000 euros. A mostra recolle unha escolma destas obras, con un total de 42 pezas que merece a pena examinar de preto.

Unha zafoña e unha guitarra

Zafoña Carneifona

A obra "Zafoña Carneifona" gañou o primeiro premio

Porén, os gañadores do concurso foron dous instrumentos musicais ben distintos, en Artesanía Tradicional o premio foi para o creador Xoán Manuel Tubio Fernández coa obra "Zafoña Carneifona"; e en Artesanía contemporánea o recoñecemento foi para Francisco José Rodríguez Tarrón coa obra "Rocket Ride" (unha guitarra eléctrica). O premio ten como fin dar a coñecer o traballo dos artesáns e artesás, ademais de ter en consideración a gran importancia que para o desenvolvemento da cultura dun pobo ten a atención a aquelas manifestacións artísticas que forman parte da súa propia esencia, como é o caso da artesanía.

Arcóns, fundas, teteiras...

 randeeira de nogueira

Randeeira de nogueira

Unha randeeira de nogueira, un orixinal vestido de liño, un arcón de castiñeiro, unha funda para o iPad realizada en coiro coa silueta dunha pin-up... Os deseños da maioría destes obxectos, algúns moi cotiáns –como unha teteira, uns boles ou unhas cortinas feitas a man-, agochan moitas sorpresas, tanto na temática coma na execución. Poden visitarse no andar -1 do Pazo da Cultura: até o luns 28 de setembro en horario de 17.00 a 20.00 horas.

Non perdades a oportunidade de gozar coa manifestación máis enxebre e esencial da nosa arte.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica