Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Ponte en cor no barrio da Milagrosa

Compartir:

Ponte en cor no barrio da Milagrosa

Arte e comercio van da man durante dúas semanas nos escaparates de 24 tendas para incentivar as compras e a creatividade

Ponte en cor

Cartaz, deseñado por Mon Lendoiro e Laura Tova

O mundo da arte invade Carballo unha vez máis, desta volta para transformar as tendas e bares do barrio da Milagrosa nunha orixinal galería grazas á iniciativa "Ponte en cor". Dende o venres 4 de setembro e durante dúas semanas 24 establecementos do barrio mudarán a súa faciana, tanto por dentro, coma por fóra, grazas á colaboración entre a Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais da Milagrosa e o colectivo Crea Formas Artísticas.

A inspiración xurdiu, segundo explican dende o barrio, despois de darlle moitas voltas e de investigar iniciativas similares noutros puntos de España. Os locais participantes están decorados por un artista que escolleu a mellor forma de expoñer as súas creacións e de darlle un xiro á decoración e distribución para facelos máis atractivos e agrupalos arredor dunha temática. Bares, fontanería, moda, pan ou mesmo ultramarinos pasan polo filtro do calidoscopio artístico. 


Cada creador colabora con dous establecementos diferentes, mentres que no Estanco Milagrosa pode visitarse unha mostra colectiva con propostas de todos os artistas. Xa non hai excusa para non achegarse ata as tendas e gozar dos produtos e da arte, xa que, ademais de poder facer as compras habituais, poderedes mercar tamén as obras de creadores como Adriana Díaz, Mon Lendoiro, Santi Picos, Cristina Castro, Alexandra Martínez, Lola Oviedo, Tomás Luna, Laura Tova, Rachelle Cavallo, Moda Chiña e Milagros Cotelo.

A listaxe de establecementos que participan é a seguinte: Muebles Luis, Bar Bastián, Todo Lar, Calzados Arijón, Gestoría Casal, Panadería Milagrosa, Barbería, Bar LB, Vainica, Rodríguez Zapateros, Bar Opaseo, Modas Eva, Frutas Bri, HidroHeccar, Comercial Queijo, Cofecciones Arijón, BR Podoloxía, Ultramarinos Francisco, Amar, Fontanería Arán, Barreiro Zapateiro, Bar Gerardo e Hosteleber.

Tendes até o 21 de setembro. Non faltedes!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica