Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Remata agosto e chegan ao seu fin os Venres Culturais cun prato forte, a cantante Guadi Galego. Ademais, Berocasión, a nosa feira do vehículo de ocasión, e tamén feirón, como corresponde aos quintos domingos de mes.

VENRES

Concerto de Guadi Galego. Praza do Concello. 22.30h. Rematan os veráns culturais e fano cun prato forte, a cantante Guadi Galego, que nos dará a coñecer os temas que compoñen o seu último traballo en solitario, "Lúas de agosto e de outubro". A que fora vocalista do xa desaparecido grupo folk Berrogüetto atrévese agora cunha vía que até o de agora non explorara, o pop, e faino cun traballo cheo de delicadeza, madurez e risco.

SÁBADO

Torneo foliada de volei praia. Razo. De 11.00 a 19.00h. O volei praia conta con tradición no areal de Razo. Non obstante, todos os veráns se instalan na praia varias pistas para que, quen así o desexe, poida gozar do deporte ao mesmo tempo que o fai do sol e do mar. O Torneo Foliada de Volei Praia chega este ano á súa oitava edición. Tras ser aprazado polas adversas condicións meteorolóxicas, celebrarase finalmente este último sábado de agosto. Participarán as categorías sub-15, sub-17 masculino e feminino; sénior e súper 80 masculino, feminino e mixto, e súper-mini. Haberá, ademais, xogos populares ao longo da xornada.

DOMINGO

Feirón. A importancia feiranta de Carballo é tal que hai meses nos que até sete feiras se chegan a celebrar: as catro dos xoves, as dúas que se celebran o segundo e o cuarto domingo de mes, e mais a do último domingo de mes cando este ten cinco domingos. Se te achegas pola mañá a Carballo poderás facerte con fabas, patacas ou algúns dos produtos de tempada das terras bergantiñás, comprar peixe fresco na nosa praza de abastos ou aproveitar as últimas rebaixas nas numerosas tendas que conforman a ampla rede do noso comercio local.

TODA A FINDE

Berocasión. Parque do Rego da Balsa. De 10.00 a 22.00h. A feira do vehículo de ocasión de Bergantiños celebra este ano a súa décima edición, e faino convertido nun referente para a comarca e nunha cita indispensable na vila cando xa o verán vai anunciando o seu fin. Contará con sete concesionarios participantes e preto de 190 vehículos, entre eles, utilitarios, familiares, todoterreos, descapotables e coches de alta gama como é o caso do Audi Q7 ou do Mercedes clase B.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica