Á procura de oportunidades en Berocasión
A feira do vehículo de ocasión de Bergantiños celébrase esta fin de semana no Parque do Rego da Balsa.
![](media/../media/img/berocasion.jpg)
Serán ao redor de 190 coches os que este ano participen en Berocasión, a feira de ocasión de Bergantiños, que este ano chega ao seu décimo aniversario convertido nun referente da comarca. Terá lugar esta fin de semana, no Parque do Rego da Balsa, e nela poderemos atopar dende coches utilitarios e familiares até todoterreos, descapotables e coches de alta gama como Audis 7 ou Mercedes clase E. Os prezos, dende os 3.000 até os 30.000 ou 40.000 euros.
Participarán nesta ocasión un total de sete concesionaros da zona: Dimolk (coa marca Peugeot), Caeiro (Renault) e Talleres J. Lema, Motor Carballo, Rebalcar e O Largo, todos eles multimarca.
Fai xa dez anos que Berocasión nos trae, ano tras ano e sempre a finais do verán, unha ampla oferta de vehículos de ocasión dos concesionarios da zona. Precedérao, anos atrás, Feiraber, que moitos carballeses e carballesas seguro gardan na memoria como un dos primeiros indicios da proximidade do outono. Dende entón, e a medida que a feira foi medrando, foi tamén cambiando de emprazamento. Dende as primeiras edicións no parque do San Martiño, a rúa Luís Calvo e a contorna do centro comercial, até o Rego da Balsa. E o interese de novos concesionarios fai xa que o actual espazo se quede curto.
A organización espera repetir os resultados do pasado ano, con ao redor dunha trintena de coches vendidos. Os horarios, de dez da mañá a dez da noite.