"Teño relatos no caixón sobre Ardaña, Montemaior, Sofán, ou a propia ponte romana"
Entrevista a Farruco Graña
A Farruco Graña, escritor carballés afincado en Ribadeo, achegámonos para que facerlle unha entrevista na Praza dos Libros e, de paso, para que nos asinara un exemplar da novela que viña a presentar. Mais na dedicatoria que para nós escribiu facía referencia a historias sobre Carballo que agardaban por ser contadas. E sobre iso, e sobre a súa última novela, claro está, lle preguntamos.
-Traballas en Asturias e vives en Ribadeo. Como é agora a túa relación con Carballo?
-Cando traballas no ensino, chega un momento en que os destinos son definitivos. A mellor maneira que tiña de estabelecerme en Galiza, dado que traballo en Asturias, era facelo na Mariña luguesa. As distancias agora non son o que eran, nin moito menos. Podo seguir mantendo o vínculo con Carballo sen problema. Cando estou aquí falo de cousas de Ribadeo, e cando estou en Ribadeo, e escribo en La comarca del Eo, falo de cousas de aquí. Alí saben da lenda da Pedra Moura, coñecen a parroquia de Sofán e de Montemaior… Fago de pequeno embaixador, e eu encargado de servir de ponte.
-Que representa para ti a Praza dos Libros de Carballo?
-Foi unha aposta moi ben feita. Transformou a feira do libro tradicional, deulle novo formato e iso fixo que outras feiras do libro de Galicia se decataran de que había que renovarse ou morrer. Eu agora son concelleiro de Cultura en Ribadeo e témonos fixado na Praza dos Libros. Comenteilles onde se facía a feira do libro, de cando a cando, que coincidía coa feira comarcal que hai aquí ao lado da Praza, o detalle de os domingo dar un bolo de pan por libro comprado... Arredemo, é que non se pode chamar doutra maneira, a Praza dos Libros. Noutros lados non se poderá facer así. Trátase de aprender, non de copiar. E non só a Praza dos Libros. Derrubando Muros con Pintura está dando que falar fóra no bo sentido da palabra.
"Se falo dun barco navega que pasa pola Costa da Morte, como non me vou lembrar das illas Sisargas, que contemplei dende cativo en Razo, alí ao fondo, ao poñente?"
-O soño de Xoán céntrase na túa vila actual, mais tamén hai referencias a Bergantiños e A Costa da Morte...
-O soño de Xoán trata un tema universal: a reivindicación da liberdade de pensar por un mesmo. Na novela falo dun científico do século XVII que me encanta por razóns de traballo, Johannes Kepler, autor do Somnium, que pode considerarse o primeiro libro de ciencia ficción escrito na historia da literatura universal. Iso fixo que a historia fora ambientada nese século. En Ribadeo tiña a oportunidade de acudir ás actas das reunións de concello aberto e caía case de caixón que tiña que ambientala alí, porque había tradición histórica e personaxes que construín a partir de personaxes reais, mais non quixen esquecer as referencias á miña terra de orixe.
-Como introduciches esas referencias?
-Se falo dun barco navega que pasa pola Costa da Morte, como non me vou lembrar das illas Sisargas, que contemplei dende cativo en Razo, alí ao fondo, ao poñente? Como non me vou lembrar do encaixe de Camariñas se podo introducilo nun retrato que lle fan a un dos personaxes da novela? Como me lembro tamén do primeiro procesado por bruxería en Galicia, Xoán Coirón, da parroquia Santa María Magdalena de Montemaior. E algunha referencia máis hai por aí.
-Tes no caixón relatos que din moito de Carballo: as mártires de Sofán, o dolmen de Pedra Moura...
-Son relatos que fun construíndo pouco a pouco. O meu é unha afección. Eu non son escritor profesional. Gústame moitísimo escribir e teño que buscar ocos que adoitan coincidir con períodos vacacionais e con épocas de inspiración. A lenda da Pedra moura está aí. Eu téñolle preguntado a miña nai, que era de Calvelo, en Sofán sobre a lenda e ela falábame da muller que andaba por aí fiando na roca. De fiar na roca á máquina Singer das costureiras e a tradición de traballar na costura do século XX, hai un fío que che permite falar da historia desa parroquia, de Sofán, da actividade en Carballo e en xeral e do seu vínculo coa Coruña, ao longo de 200 ou 300 anos. Aínda que Carballo como tal vila é recente, hai parroquias que teñen moitísima máis tradición histórica. Tamén teño relatos sobre Ardaña, Montemaior, do concello veciño da Laracha, ou a propia ponte romana... Agora teño que centrarme en O soño de Xoán pero esas historias están aí esperando.