Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Hai que pensar nun movemento artístico que está...

Compartir:

"Hai que pensar nun movemento artístico que está a xurdir nesta vila"

Mon Lendoiro, artista plástico e presidente do colectivo Crea Formas

-Cal é para ti a relación entre libros e artes plásticas?

-Ambas están relacionadas. A diferenza está en que o escritor utiliza a palabra e o ilustrador a imaxe pero ambos narran, din, expresan. Son dúas formas diferentes de comunicarse.

-Nesta Praza dos Libros presentarase Catálogo, un libro no que ilustradores/as e escritores/as colaboran dunha maneira diferente: primeiro fixéronse as ilustracións e, a partir delas, os textos...

-A idea de Catálogo xurdiu cando presentamos Vinte en escea tamén na Praza do Libros. Metemos a Rosalía nun apreto dicíndolle: "Que pasaría se fixeramos o traballo á inversa, se fixeramos as ilustracións e a partir delas se fixeran os textos?". Pareceulle un reto interesante e propuxo usar a cor, e non só branco e negro, que é o máis cómodo á hora de imprimir. Co tempo apareceu Paco Souto e enrevesamos máis a cousa.

-Como?

-Preguntámonos que pasaría se lle deramos a esas cores un punto de vista masculino e un punto de vista feminino. Dividimos o libro en dúas partes: dun lado, a parte masculina e do outro, a feminina. Unha está feito só por homes, con Paco e mais eu, e outra só por mulleres, Chiña e mais Rosalía.

-As cores tamén teñen un protagonismo especial no libro...


-
O libro está dividido por cores. Non é o mesmo o azul que eu vexo, por exemplo, que o que ves ti ou outra persoa. As ilustracións que facemos están baseadas no que nos inspiran esas cores. Pasámoslle as ilustracións os escritores e do que viron, saíron os poemas, e o que esas cores simbolizan tamén para Rosalía e para Paco.

-Unhas das integrantes do colectivo Crea Formas, Laura Tova, organiza Fanzinadas, unha mostra e mercado de fanzines, o venres pola tarde. Por que reparastes nos fanzines?


-Fanzines son aqueles cómics que xogan coa autoedición. As editoriais buscan outro tipo de tebeos para vender e a autoedición é unha alternativa.

-Tamén estaredes presentes na Praza dos Libros con obradoiros para cativas e cativos. En que consistirán?

-Serían o sábado pola tarde. Imos estar Laura Tova, Santi Picos, Cristina Castro e mais eu. Eu traballarei con monotipos.

"O boom foi no 2013. Empezaron a chamarnos de fóra e a xente comezou a preguntarnos: que pasa en Carballo? Coa crise, fas máis en colectivo que de maneira individual. Tes máis visibilidade e apóiante máis."

-E organizaredes, ademais, para esta Praza dos Libros, rutas polos murais de arte urbana carballeses…

-Si, xa comezamos a facelas a principios de ano cos colexios. Contaremos con varios dos autores e das autoras dos murais, que explicarán a súa obra. Será o domingo de seis a oito e partiremos da Praza dos Libros. Será unha ruta a pé, de mural en mural.

-En que vos axudou ás e aos artistas de Carballo agruparvos e facer piña en proxectos colectivos?

-O boom foi no 2013. Empezaron a chamarnos de fóra e a xente comezou a preguntarnos: que pasa en Carballo? Coa crise, fas máis en colectivo que de maneira individual. Tes máis visibilidade e apóiante máis. Permíteche ofrecer unha diversidade de creacións. Nós cremos no que facemos e pedimos axuda das institucións, que foi moi importante. Eu coido que hai que pensar tamén nun movemento artístico que está a xurdir nesta vila, que coido enriquecedor para a vila e que vai estar presente para as vindeiras xeracións.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica