Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Moito máis ca libros

Compartir:

Moito máis ca libros

Concertos, presentacións literarias, actividades infantís, e mesmo obradoiros artísticos e unha sesión vermú a cargo dos carballeses Chicharrón conviven nesta décima edición da Praza dos Libros.

A Praza dos Libros chega aos dez anos e faino con non poucas sorpresas mais mantendo o pé o mesmo espíritu: moito máis aló dunha feira do libro ao uso, o evento, que se celebra todos os anos a finais de agosto, é unha auténtica feira da creatividade cultural galega. Haberá presentacións de autores tan coñecidos como Manolo Rivas. Haberá concertos de grupos como Chicharón ou Poetarras. Os primeiros, carballeses de nacemento e grupo con gran proxeccións; os segundos, carballeses xa de adopción, despois da súa intervención no Carballo Interplay cunha canción que deu non pouco que falar, Anllóns. Haberá, como non, actuacións para o público infantil, un dos fortes da Praza dos Libros, con espectáculos de  Seisdedos, Anxo Moure ou Raquel Galavís. E, ademais, o activo colectivo artístico carballés Crea Formas estará moi presente, con obradoiros de arte, unha visita guiada polos murais do proxecto de arte urbana Derrubando muros con pintura e unha feira de fanzines. 

Para todos os gustos


Haberaos para todos os gustos e cores. O prato forte chegará co recital presentación do poemario  A boca da terra, conManolo Rivas, o sábado ás 20.30h. Antecederao, esa mesma tarde, a presentación do libro disco infantil A Gramola Gominola, ás 18.30h, e da novela O soño de Xoán, do carballés Farruco Graña.

Non será Graña o único autor da contorna con presenza na Praza dos Libros. O xoves pola tarde, Xosé María Lema e Xosé María Rei presentarán Historia do fútbol da Costa, e o expercebeiro e creador de Corme, Suso Lista, daranos a coñecer  a súa obra Xeixos. O venres, ás 20.30h, a poeta Rosalía Fernandez Rial, e mais Paco Souto, e os artistas Mon Lendoiro e Chiña, amosarannos unha particular obra colectiva, Catálogo, onde os poemas parten das ilustracións e non ao revés, como adoita ser habitual. E a cousa non remata aí. O fisterrán Modesto Fraga presentará o domingo pola tarde Atlántica Luz.

Os libros para a cativada terán non pouco protagonismo. Darannos a coñecer, nesta edición da feira carballesa, as obras O grilo Míllelo, de Icía Varela e Xosé Manuel Varela, e Brinca Vai!, de Paco Nogueira, quen nos agasallará cun concerto. Non pouco protagonismo terá tamén a poesía. Ademais das obras xa referidas, poderemos coñecer os  os poemarios da editorial Caldeirón Terra fría, de Miguel A. Mato Fondo, Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, de Verónica Martínez Delgado, e Dominio público, de Ramón Neto.

Con moita arte

E como a arte non se esgota nos libros nin na música, este ano a Praza dos Libros decidiu ir alén e prestar especial atención ás artes plásticas que, nos últimos anos, están a cambiar a faciana de Carballo a través do proxecto Derrubando muros con pintura.  

Unha das novidades desta décima edición é Fanzinadas, un espazo para visibilizar a creatividade da autoedición gráfica, adoito nas marxes. Será o venres pola tarde e participarán un total de 12 creadores, creadoras e colectivos que nos darán a coñecer os seus formatos e contidos autoeditados, fundamentalente fanzines.

Así mesmo, o domingo pola tarde farase un roteiro de arte urbana por Carballo, para coñecer os murais de arte urbana (ao redor de trinta) que forman parte xa do noso espazo urbano así como o último dos nosos proxectos de intervención urbana, Ruar e Rir, con orixinais frases escritas sobreos pasos de peóns carballeses, agora convertidos en renglóns. E, para @s peques, organizaranse o sábado pola tarde obradoiros creativos organizados polo colectivo Crea Formas.  

A programación completa, nesta ligazón.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica