Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Tatoos sobre o asfalto

Compartir:

Tatoos sobre o asfalto

Frases que nos rouban o sorriso enchen varios dos pasos peonís carballeses. O fin, facer do espazo público un lugar algo máis feliz.

As persoas teñen tres peles. Unha é a que lle cobre a osamenta e a alma. Outra é a familia. E a terceira é o lugar, a vila ou a cidade na que viven. A metáfora sérvelle ao creador Santi Pazos para presentar a iniciativa Ruar e Rir, que está a encher os pasos de peóns carballeses con frases que chaman ao riso prendidas da poesía.

Mentres as dúas primeiras pelicas son para nós os terreos dos afectos, ás que coidamos con mimo, a terceira adoitamos identificala como espazo hostil, de tráfico, presas, apuros e hostilidades. Hai uns días, os pasos de peóns de Carballo apareceron cheos de tatoos con mensaxes positivas. A iniciativa, “Ruar e rir”, pretende sacarnos o sorriso cando imos pola rúa. Con frases ideadas polo artista e sociólogo carballés Santi Pazos, a colaboración do colectivo Crea arte con formas e o apoio da concellaría de Promoción Económica de Carballo, a idea quere contribuír a embelecer a vila ao mesmo tempo que sacar dos museos a cultura e facela asequible a todo o mundo.

Arte sen barreiras

Á dereita, Santi Pazos

Á dereita, Santi Pazos

Unha octoxenaria conversa coa artista que se afana no mural que está a pintar na rúa. Unha nai e a súa filla recúan ao ver con sorpresa que, sobre o asfalto que a diario pisan, agora uns versos convídanas a ler. A ruta do colesterol, a que seguen aquelas persoas fieis á consigna  menos prato e máis zapato, modificouse na vila para pasar á beira dos murais da iniciativa de arte urbana “Derrubando muros con pintura”.  Cun deses murais de fondo, o da carrapuchiña feroz que está pintado na parte traseira da agora ludoteca (unha escola construída nos anos vinte do pasado século), unha parella fai as súas fotos de voda.

Ao igual que as persoas, todas as vilas teñen os seus atractivos, aínda que non cumpran cos cánones de beleza de moda. Así o considera o ideador da iniciativa, Santi Pazos. A vila de Carballo non conta con grandes atractivos arquitectónicos nin con casco histórico, porque sufriu, ao igual que outras moitas vilas, a desorde urbanística da segunda metade do pasado século. Mais si ten un gran atractivo, como recordaron na presentación da iniciativa o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira: o seu potencial humano, unha sociedade viva e dinámica que se da a ver nas numerosas iniciativas que as asociacións e o tecido cívico carballés levan adiante.

Até que o spray dure

Integrantes do colectivo Crea Formas

Integrantes do colectivo Crea Formas

Até que o bote de spray dure, estas frases cheas de mimo cubrirán os pasos peonís carballeses. O caderno de Santi Pazos está cheo delas. Moitas están pensadas ex profeso para o lugar no que foron pintadas. Como as interxeccións orgásmicas  no calellón da rúa Jacinto Amigo Leira que lembran os agochos que chaman ao pracer. Ou a frase “Fasme cóxegas” xusto diante da ludoteca onde @s cativ@s rin, o “Ler entre liñas” diante da nova biblioteca do Rego da Balsa, ou o “Vés e vas como as ondas do mar” que se pode ler á beira da rotonda do centro comercial, de camiño a Razo e pretiño dunha escultura de coñecido gravador carballés Manuel Facal.

Non é a primeira vila ou cidade que leva adiante unha iniciativa deste tipo. Fíxose en Madrid, en Murcia o na Coruña, mais Carballo marca a diferencia porque é a primeira vez que algo así se se leva adiante, non de maneira alegal, senón co apoio das institucións, neste caso locais. “Sementando agarimos, recollemos bicos”, di outra das frases. Así é no espazo privado. Así, tamén, ao menos en Carbalo, na pelica do espazo público.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica