Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

En Carballo, a finde transcorrerá a ritmo de flamenco e de pop-rock. No resto da Costa da Morte, Premio de Carrilanas de Esteiro, Rapa das Bestas de Vimianzo e festas do Carme.

VENRES

Dancem. Espectáculo de danza flamenca. Praza do Concello. 22.30h. Flamenco, danza, océano e aires contemporáneos. Son os ingredientes do espectáculo cos que a compañía madrileña Dancem compón o espectáculo "Barcos dos mundos". Forma parte do festival "Dando a lata", patrocinado pola conserveira carballesa Calvo na celebración do seu 75 aniversario.

SÁBADO

Festival pop-rock Calvo. 21.00h. Rego da Balsa. De que o rock conta en Carballo con tradición e adept@s dan conta os numerosos grupos que, dende os oitenta, xurdiron na capital bergantiñá. Nos últimos anos, varias desas formacións reviviron e outras novas xurdiron. O festival pop-rock Calvo quere contribuír ao impulso musical da vila. Actuarán Apart, Dude, Amenaza de muerte, Aula 11, Killer Cats, Lowcos e Natijazz. Haberá dous premios de 1.750 e 750 euros, e tamén Premio do Público, cun importe de 450 euros.

TODA A FINDE

Gran premio de carrilanas de Esteiro. Esta Festa de Interese Turístico é unha das citas tradicionais do verán na Costa da Morte. O gran premio de carrilanas de Esteiro terá lugar este ano o sábado 18 e o domingo 19 de xullo. Haberá zona de durmida de balde e tamén sesión verbeneira, pois coincidirá coas festas de Santa Mariña de Esteiro. Máis info aquí.

Rapa das bestas de Vimianzo. Campo da Areosa.
Poida que as máis mediáticas sexan as de Sabucedo,na Estrada, pero na Costa da Morte tamén temos a nosa rapa das bestas. A de Vimianzo chega este ano á súa XVII edición. Os actos comezarán xa o sábado 18 pola mañá. Ese día terá lugar, ás catro da tarde, a ruta a cabalo polos montes do Faro e o Val de Vimianzo e o encerro coas bestas bravas. O momento grande, porén, será o domingo a partir das cinco da tarde, cando os aloitadores comecen a rapar as bestas. Máis info aquí.

Festas do Carme e de Santa Mariña. A Costa da Morte é terra mariñeira e bravo océano. De aí que a devoción á Virxe do Carme, a patroa do mar, estea tan arraigada. No concello de Carballo, do venres 18 ao domingo 20 estará en festas a parroquia de Oza, e o sábado 19, tamén a de Sísamo. No resto da Costa da Morte, as celebracións mariñeiras proliferarán como cogomelos ao longo de toda a finde, coas festas do Carme de Briño (en Borneiro), Moraime (en Muxía)e en Mazaricos. O venres rematarán ás celebracións do Carme en Camariñas, Corme e Zas. Ademais, festexarase a Santa Mariña en Camariñas, Corcoesto e Esteiro. Máis info aquí.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica