“As etiquetas son para a roupa”
Rayden, un dos nomes máis destacados do rap estatal, actuou este pasado venres en Carballo.
Foto de Ana García
Este pasado venres tivémolo actuando en Carballo no Festival Dando a Lata con Mediyana, Mesh e Darwin. Rayden é unha das mellores figuras do hip hop nacional e un dos artistas con máis proxección a nivel estatal. Lonxe do estereotipo de duro que describe ao rapero, as súas son letras positivas, mesmo terapéuticas. Escoitalo, e non só cantar, senón tamén falar, é unha gozada.
-Estiveras algunha vez en Galicia?
-Si, estivera tanto na Coruña como en Vigo. Mañá, será a primeira vez en Carballo.
-Tes unha canción chamada “Finisterre”. Ten algo que ver co Finisterre da Costa da Morte?
-Si, ten que ver. Eu de pequeno pensaba que o mundo se acababa en Finisterre. Cando medrei deime conta de que se cadra Finisterre é o teito que nos tentamos autoimponer ou que nos tentan impor A parede do show de Truman é como a burbulla da túa zona de confort que parece que, se a rompes, caes. É facer camiño cada un. Cando todo o mundo che di que aí se termina todo e non podes ir máis aló, dartede conta de que tes o mundo por percorrer e que só tes que ter ganas.
- Presentarás en Carballo o teu último traballo, “En alma e óso” Que ten este disco de procura interior?
-Cada disco tento facer unha procura interior para tentar sacar a mellor versión de min mesmo, e por iso ten ese toque persoal. A día de hoxe non sabería facelo doutra forma.
-Descríbeseche como unha das maiores figuras do hip hop nacional e un dos músicos con máis proxección da escena musical española. E aínda non tes 30 anos. Como se vive ese recoñecemento e tan novo?
-É un pouco anécdota.Vivo facendo a miña realidade. Fixen o meu soño e quero seguir facéndoo realidade. Está ben ser número un de vendas ou recibir o premio da música ao mellor artista pero ao final, o mellor é que te paren na rúa e che den as grazas polo que fixeches.
-Frases túas apareceron pintadas nos pasos de peóns de Madrid. Como xurdiu ese proxecto?
-Uns coñecidos meus chamáronme porque estiveran en Barcelona e sorprendeulles o tratamento que lle daban a algúns pasos de peóns cando xa non eran barras horizontais senón liñas de puntos e, entre medias, mensaxes de seguridade viaria. Dixéronme que pensaran en Leiva e en min para, nos tempos que corren, de pesimismo, darlle ferramentas á xente que anda coa cabeza baixa para que avance con paso firme. Utilizaron frases miñas e doutros artistas.
-Cal foi a reacción das autoridades municipais?
-É un proxecto alegal. O concello anterior quería borralo e os servizos de limpeza negáronse, opuxéronse, porque dixeron que lles animaba velo pola mañá.
-Dise que as túas letras e o teu estilo positivo distan moito do resto de artistas da escena rap. Considéraste un bicho raro?
-Non me considero bicho raro, simplemente fago o que quero e hai moito tempo que, no mellor sentido da palabra, lle perdín o respecto a todo o que estaba establecido no rap en particular e na música en xeral. Cando ti es sincero contigo, a xente pode comungar co teu discurso ou non pero ninguén pode botarme en cara as miñas intencións
-Como foi o colaborar con artistas de estilos tan diferentes ao teu como Dani Martín, Ojeda ou Marwan?
-Pois foi unha experiencia similar a se colaborase cun rapero. Ao final é música. Somos artistas que nos xuntamos para facer arte e gozar polocamiño. Eu escoito calquera estilo musical. Ao final as etiquetas son para a roupa.