Unha praia con videoclip propio
A canción "Non botes o lixo no mar", composta o ano pasado nas escolas de surf de Razo e Baldaio, empregarase nunha campaña contra as bolsas de plástico.
No verán pasado, a asociación Surf and Clean aproveitou os obradoiros ecolóxico-musicais que impartiu nas escolas de surf de Razo e Baldaio para compoñer unha canción con mensaxe ambiental, que interpreta o grupo Surf and Sun. Levaba por título "Non botes o lixo ao mar" e quería concienciar sobre a problemática que, nos océanos, supoñen os milleiros de bolsas e envases de plástico que neles se verquen. Chegan a conformar até auténticos continentes de plástico, provocan a morte de moitos dos animais que viven no mar e, depositados como partículas minúsculas nos estómagos dos peixes dos que nos alimentamos, poden chegar a ser inxeridos polos seres humanos.
Contra as bolsas de plástico
"A canción será utilizada como banda sonora dunha campaña que promove o abandono das bolsas plásticas dun só uso"
Este ano, a asociación empregará a canción como banda sonora dunha campaña que promove o abandono das bolsas plásticas dun só uso que levará a cabo en varias praias do litoral surfeiro estatal, entre elas, varias galegas e, como non, as de Razo e Baldaio. A campaña, que levará por lema "Xa non formo parte diso!", incluirá dende a organización de obradoiros e relatorios para concienciar ao redor da problemática que supoñen os residuos no mar até a producción de bolsas de algodón ilustradas con tinta á auga, que ten como protagonista unha tartaruga que come bolsas plásticas confundíndoas con medusas.
A canción foi gravada e composta orixinalmente en galego polo madrileño David Blanco. Dende a asociación queren gravala este verán en catalán, castelán e, tal vez, euskera. Estará incluída nun disco con cancións de grupos de Carballo que será publicado en breve.