Ardaña
![Pazo de Gontade Pazo de Gontade](media/../media/img/Pazo-de-Gontade500.jpg)
Pazo de Gontade
Extensión: 9,89 km²
Poboación: 687 habitantes
Os terreos situados no fértil val de Ardaña eran, antano, en boa parte propiedade dos señores do pazo dos Breixo, en Gontade, un dos máis antigos do concello. O pazo, que foi pasando de xeración en xeración, é hoxe en día unha casa labrega. Fíxate no escudo da fachada, no que están representadas varias das liñaxes nobres da zona, e mais no reloxo de sol do muro exterior. Moi preto da estrada que vai de Carballo a Compostela está a igrexa de Ardaña. Contrasta nela a combinación dos seus muros de pedra, de espírito barroco, co estilizado campanario de cor branca que data de mediados do século XX e que sorprende por ter sido construído nunha soa peza de formigón.
![Igrexa de Santa María de Ardaña Igrexa de Santa María de Ardaña](media/../media/img/Igrexa-de-Santa-Maria-de-Ardanha250.jpg)
Igrexa de Santa María de Ardaña
Ao pé da igrexa encontrarás un fermoso cruceiro, un dos máis completos do concello. Destaca o realismo das imaxes do Cristo crucificado e da Virxe e, até hai pouco, aínda conservaba restos de cor.
Recomendámosche proseguir camiño até o alto da Peniqueira, cunha extensa vista de Carballo e das súas terras interiores. Alí crúzanse os límites das parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces.
Cerca do vértice xeodésico está a mámoa da Peniqueira e, á beira, hai outra de grandes dimensións. Máis adiante atoparás un castro e, na súa croa, unha lousa cunha cruz e un V gravado. A cruz indica que este é o lugar onde se tocan as tres parroquias. O V, orientado cara a Artes, representa o poderío da familia Vilar de Francos.