Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Cando a fotografía rouba a alma da cidade

Compartir:

Cando a fotografía rouba a alma da cidade

Alberte A. Pereira inaugura este venres, ás seis da tarde no Fórum, a súa exposición "Unha mirada subxectiva do cotiá", que reúne unha trintena de fotografias en branco e negro de diversas cidades europeas.

Praga, Berlín, Viana, Budapest, Lisboa, Porto, Maia, Madrid, Vigo... Son algunha das cidades e vilas que quedaron atrapadas no obxectivo da cámara e no subxectivo do seu ollar, intensificado pola escolla do branco e negro para as fotografías nas que se encadraron estas esceas do cotiá. Alberte A. Pereira expón, no Fórum de Carballo, até o 4 de xullo, unha boa mostra de "street photography", fotografía da rúa, froito das viaxes nas que se embarcou dende o 2012 até o 2014.

"Eu entendo a fotografía de rúa como fotografías únicas. O que se pretende é  contar unha historia en cada fotografía", explícanos Alberte. Non só historias, senón tamén e sobre todo sentimentos, transmiten as súas imaxes,  e tamén, ou tal vez, unha certa angustia, a da incomunicación urbana onde, a pesar do bulicio, abonda un tipo de soidade aínda máis dorosa, a que se produce entre multitudes. As súas fotografías -dinos, cando lle transmitimos esta impresión- reflicten o contraste entre a súa vida cotiá nunha vila do sur de Galicia, no Rosal, e eses grandes núcleos urbanos. 

Street photography

A exposición "Unha mirada subxectiva do cotián" chega a Carballo despois de percorrer varias cidades e vilas de Galicia e do norte de Portugal, dende a súa inauguración no Rosal, en abril de 2014. Estivo en Santiago, no Carballiño, en Ferrol, en Vigo, en Lisboa, en Monçao e en Paredes de Coura e, proximamente, visitará A Coruña e repetirá na cidade ferrolana.

Para montala, non dubidou en acudir ao crowdfunding, co que conseguiu os ao redor de 2.000 euros que precisaba para montaxe, enmarcados e impresións. Non é a primeira vez que o traballo de Alberte A. Blanco chega á capital bergantiñá. O pasado ano, na exposición no Fórum do colectivo Galiza B/N co que colabora, foi incluída unha das súas fotografías que forma parte tamén da actual mostra.

Para Alberte, traballador na administración de Xustiza de profesión, e fotógrafo amador de querencia, a mostra que agora expón en Carballo reflicte unha primeira etapa na súa traxectoria. Agora, aínda que segue inmerso naquel tipo de fotografía que máis lle gusta, a "street photography", xa non traballa cos dous únicos fíos de branco e negro, senón que tece a cor as súas imaxes. Unha nova etapa mais un mesmo escenario que o segue a apasionar, o enmarcado urbano.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica