Carballo por etapas: o sabor das pequenas cousas
Un total de 21 locais carballeses ofrecerán o mellor de si nas tapas especiais que prepararán para a última fin de semana de maio e a primeira de xuño.
Conquistar pola boca é unha técnica tan vella como o mundo para namorar. Sábeno ben as e os nosos hostaleiros, que un ano máis celebrarán o Carballo por Etapas. Na última fin de semana de maio e na primeira de xuño, unha vintena de estabelecementos carballeses darán o mellor de si en tapas especiais preparadas para a ocasión e que podemos consumir polo módico prezo dun euro. Mais a edicion deste ano traerá non poucas novidades. Haberá showcooking a cargo de dous recoñecidos chefs, Adrián Felípez e Gorka Rodríguez, e un obradoiro de iniciación á cociña para nen@s de entre 3 e 10 anos, o Pequechef.
Dende o día 29 de maio, ás 19.30 horas, hora da inauguración do Carballo por Etapas, o evento extenderase ao longo de outras cinco xornadas máis: o sábado 30 e o domingo 31, de 12.00 a dúas da tarde e de oito a dez da noite; o 5 de xuño, de 20.00 a 22.00, ao igual ca no venres inaugural, e o sábado 6 e o domingo 7 de xuño, de 12.00 a 14.00 horas e de 20.00 a 22.00 horas.
O Showcooking terá lugar o 31 de maio a partir das 11.30 horas na Praza do Concello. Cociñarán en directo para os veciños e veciñas e repartirán tapas ata fin de existencias. Ese mesmo día, pola tarde, a partir das 17.30 horas, celebrarase o Pequechef, para o que hai dispoñíbel un total de 25 prazas.
Un tren turístico percorrerá as rúas da vila ao longo destas dúas fins de semana, con paradas nos vinteún estabelecementos participantes: A Barra Bar, A Cervexería de Luís, Bodegón O Pescador, Cafés A Cafeteira, Cafetería Abastos, Cafetería Bar Embajador, Cafetería Bar Ginebra, Cervexería Ágora, Cervexería Beos, Cervexería Dublín, Cervexería La Bombonera, Cervexería San Juan, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante Vinoteca, Ofelia Vinoteca Restaurante, Restaurante El Hórreo, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Tasca o Casino e Trattoria Pizzería Vesubio.