Carballo a un paso

Inicio // Que ver // Patrimonio // Patrimonio relixioso // Capelas

Compartir:

Capelas

Capela de Santa Irene de Castrillón

Capela de Santa Irene de Castrillón

Capela de Santa Irene de Castrillón

Arquitectura popular - Castrillón. Lema
Coordenadas UTM: X = 526263 Y = 4792680

A capela de Santa Irene de Castrillón está situada nun fermoso miradoiro natural dende o que se divisa boa parte da costa carballesa. Érguese na parte máis alta dun antigo castro, que lle dá o nome actual ao lugar, Castrillón.

Din as lendas que as pedras da capela foron traídas unha a unha dende o fondo da lagoa. Algo (non todo) de certo hai... A capela foi trasladada hai séculos dende o seu emprazamento orixinal, á beira da lagoa e preto da fonte de Santa Irene. Hai referencias que constatan que, no 1594, aínda estaba na marisma mentres que, no século XVIII xa a situaban no emprazamento no que agora se encontra.

Capela de San Paio de Entrecruces

Bóveda da Capela de San Paio de Entrecruces

Bóveda de cruzaría da Capela de San Paio de Entrecruces

S.XVI. Gótico e barroco - A Férveda. Entrecruces
Coordenadas UTM X = 525934 Y = 4774745


A capela de San Paio, situada nunha fermosa paraxe natural de ribeira, preto da férveda de Entrecruces, é das máis antigas do noso termo municipal. Ao contrario que a maioría das igrexas do concello, que foron construídas na época do barroco, este templo data xa do século XVI.

O máis destacado desta capela é a súa bóveda de cruzaría, tan característica do gótico, cos seus arcos cruzados en forma de estrela dividida en oito partes. Aínda que o gótico é propio do baixo medievo, esta igrexa é posterior, o que demostra a prolongación deste estilo en Galicia.

O seu retablo, renacentista, é tamén excepcional, pois a maioría das igrexas e das capelas galegas son barrocas. Recentemente restaurado, parece ser que ten unha antigüidade de ao menos 400 anos e conta aínda con outra curiosidade pouco habitual: unha pintura sobre táboa.

O estilo renacentista tamén se aprecia na porta da súa fachada, con arco de medio punto contorneado por doelas, que é como se lle chama a cada unha das pedras que conforman os arcos.

Esta capela acolle, todos os 15 de xaneiro, unha concorrida romaría, moi coñecida polas persoas das parroquias veciñas, con cancións para as e os romeiros. Mesmo existe a muiñeira de San Paio de Entrecruces.

O seu patrón, San Paio ermitán, aparece representado como un vello de longas barbas. Mais o curioso é que tal santo non existe. Podería haber unha confusión con San Paulo, o primeiro ermitán, ou con Santo Antón Abade, tamén ermitán. En todo caso, entre ermitáns anda a cousa: en tempos pasados, e isto si é seguro, había un que se encargaba de coidala e mantela.

Capela de San Sadurniño de Rus

Capela de San Sadurniño de Rus

Capela de San Sadurniño de Rus

San Sadurniño de Abaixo. Rus
Coordenadas UTM: X = 531457 Y = 4776198

Esta hermida da Alta de Rus non ten especial valor artístico ou construtivo mais conta cun mérito non pouco curioso vinculado á tradición oral. Pretiño dela hai unha pedra sanadora, coñecida como a "Pedra do Cu", da que din que é boa para as almorrás. O manual de uso é sinxelo, só hai que sentarse nela, aínda que, advertimos, pode resultar un tanto incómoda.

Cómpre non esquecer que esta é unha das pedras sanadoras, con reminiscencias precristiás, que podemos atopar na Costa da Morte, como a Pedra dos Cadrís, en Muxía ou a "cama" de San Guillerme, boa para curar a esterilidade.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica