"O reto para o deporte feminino é poder xogar sen prexuízos"
María Bardanca, adestradora de fútbol sala feminino
María Bardanca
María Bardanca chegou ao máis alto do fútbol sala feminino. Xogou en División de Honor e foi mesmo seleccionadora galega. E fíxoo en tempos aínda máis complexos para aquelas que se atrevían a irromper en espazos masculinos. Agora é adestradora de futbol sala feminino e técnica de deportes do Concello de Malpica. Este xoves, 26 de marzo, intervén na xornada de Forovoz titulada "Deporte e muller. Grandes metas ao alcance de todas".
-Para ti, cales son os retos do deporte feminino?
-Ganar a posición que non ten agora mesmo. En moitas modalidades está por debaixo do deporte masculino, sobre todo, neses deportes que se seguen vendo como máis masculinos. O reto é chegar a esa igualdade e que poidamos xogar sen ningún tipo de prexuízos.
-Dis que en moitas modalidades o deporte practicado por mulleres está por debaixo do masculino. Eu diría que iso acontece practicamente en todas, a non ser que falemos dun deporte considerado en si feminino...
-Si, en todas, a non ser naquelas que se consideran modalidades sobre todo femininas.
-Como cres que se poden ir superando estes atrancos?
-Eu penso que é cuestión de vontade. A sociedade vai avanzando e cada vez esas diferencias son menores. Fai anos, que unha moza xogara ao fútbol ou fixera boxeo era visto como algo moi extraño e hoxe en día xa non se ve como algo tan raro, aínda que non se lle dea a mesma importancia que a un home que practique ese deporte. Agora temos o caso dunha futbolista, Verónica Boquete, que está tendo unha repercusión social, pero moito menos que Ronaldo, Messi., Sergio Ramos ou calquera outro.
-O caso de Verónica Boquete, que na actualidade xoga no FFC Frankfurt, é importante canto que lle ofrece un modelo a seguir ás mozas que lles guste practicar deporte. Non cres que, ás veces, o problema é que faltan eses modelos que poidan servirlles de referente?
-Si, poden verse nese espello. Por iso é importante que vaia saíndo xogadoras que sexan bos exemplos para elas, e ás que non se lle poñan adxectivos despectivos. Vero Boquete agora está vista como unha gran deportista. Hai outras mulleres que antes chegaron ao mesmo nivel ca ela, pero antes si se lles poñían adxectivos negativos. Cando empecei a xogar, chamábanme de todo.
María Bardanca
-Que che chamaban…
-Marimacho…, esas cousas…
-Esas actitudes hoxe en día seguen existindo?
-Nalgúns sitios si poden existir pero están mal vistas e xa non saen tanto a relocer. Hoxe en día é moi normal que calquera nena xogue ao fútbol nunha cidade. Na Coruña, case me atrevería a dicir que ao redor do 30%. Nunha aldea ou nunha vila, pode haber ese pai ou esa nai que o ve raro pero ao mellor xa non se atreve a dicir nada porque hai outros nenos que defenden iso. E tamén porque agora hai máis profesionais traballando en idades iniciais no deporte que tamén defenden esas postura. Eu traballo nun concello pequeno e aquí calquera nena pode xogar ao fútbol e ninguén lle di nada.
-Dende cando percibes que hai máis nenas xogando ao fútbol?
-Ao mellor dende hai dez anos. Cando eu empecei, hai vinte anos, tiven que ir á Coruña a xogar. Hoxe en día hai equipos na zona. Calquera nena que queira xogar, pode facelo. Logo, se apunta máis alto, terá que desprazarse máis lonxe. Pero en principio pode facelo aquí.
-Cales son as diferencias entre un home e unha muller deportista cando chegan ás categorías máis altas?
-Esa é a diferencia máis grande, máis significativa que hai no deporte. Un xogador de balonmán non vai ganar nunca o mesmo ca un de fúbol. Mais un xogador de balonmán pode vivir diso, mentres que unha xogadora de balonmán, dificilmente. Porén, avanzouse moito. Cando eu xogaba, eramos catro ao mellor en toda España que cobrabamos e que, con eses cartos, podiamos sobrevivir. Hoxe en día, a maioría das xogadoras que compiten en División de Honor, cobran algo. Unhas mais e outras menos, pero cobran. Verónica era unha xogadora que destacaba pero aquí non podía vivir, e por iso ten un representante e vai xogar a outros países onde si pode facelo.
"Un xogador de balonmán non vai ganar nunca o mesmo ca un de fúbol. Mais un xogador de balonmán pode vivir diso, mentres que unha xogadora de balonmán, dificilmente."
-Unha moza que chegue a División de Honor ou de Prata, pode vivir diso?
-En España hoxe en día non. Pode ser a súa profesión pero ten que estar preparando o seu futuro. Eu, cando cobraba, tiña que ter en conta que os anos do fútbol acábanse e que logo tes que ter unha profesión. A un home non lle pasa iso. Facilítanlle moitas saídas para poder traballar despois. No caso dunha muller é difícil. Hai moitos deportistas que ao mellor non chegaron a unha categoría alta e que ao final os colocan de entrenadores no club da súa vila e cobran 1.000 euros. A unha muller, aínda que xogue en División de Honor, non lle van solucionar a vida poñéndoa de entrenadora dun club. Vero Boquete agora mesmo ten un representante e móvese, e se isto segue avanzando así posiblemente poida vivir do fútbol. Pero hai dous ou tres casos en España e en toda Galicia unha.