"Carballo está vivindo unha segunda xuventude artística"
Fran Rodríguez, director do documental
Fran Rodríguez
Derrubando muros con pintura leva xa ano e medio cubrindo as paredes da nosa vila de arte. Grazas ao documental producido por Mamá Lola Studios, e dirixido por Fran Rodríguez, o proxecto será coñecido alén as fronteiras do noso concello. Este mércores, 25 de marzo, ás sete da tarde, preséntase na Biblioteca do Rego da Balsa.
-Como a xorde a idea de facer o documental?
-A nós encargáronnos un pequeno resumo dende a Concellería de Promoción Económica, un pequeño teaser do proxecto que se estaba realizando. Que pasou? Que a medida que avanzaba o proxecto, e ías recopilando material e empatizando co que se estaba a facer, vías que daba para algo máis. O que hai de documental xurdiu xa cando estabamos rematando de gravar os murais, ao revisar o material. Consideramos que, como carballeses, poderiamos contribuir a darlle cancha ao proxecto ao outro nivel. A idea é proxectalo en festivais. Un proxecto destas caracateristicas non é algo que se leve a cabo en moitos concellos.
-No proxecto tamén ten papel importante a música. Acudistes en parte a artistas da zona...
-A idea en principio foi esa. O documental quedouse en 26-27 minutos. A entrada cubrímola con La vie en rouse de Edith Piaf. Quixemos que así fora porque o material que tiñamos para ela, con imaxes en branco e negro, evocaba a Segunda Guerra Mundial. Nanny Mouro fixo unha canción que queda moi chula. Dende Larkhill pasáronnos unha canción moi folkie que nos quedaba perfecto.A). E tamén vai unha de Dios ke te crew, que vén moi ben porque fala dos murais.
-Como foi o proceso de elaboración?
-Nós comezamos a gravar hai un ano, co primeiro mural. Estabamos en contacto con Paula Fraile e Roberta Venanzi, as que dirixían o proxecto. Cada vez que comezaba un mural novo avisabanos e tiñamos o contacto dos artistas, para que nos avisaran cando ían pintar.
-No documental podemos ver a progresión de cada mural?
-Na maioría si que si ve, sobre todo no primeiro que se fixo, na rúa do Sol, e no de Sokram.
-Usades a técnica do time-lapse nalgún caso para ver a evolución dalgún dos murais...
-Usámolo no se Sokram, porque foi un dos máis rápidos. Fíxoo en oito días.
O rexurdir da arte carballesa
-Son as propias voces das e dos artistas as empregadas para falar do proxecto. Non botastes man de voz en off, da figura dun locutor.
-Son elas. Non hai voz en off. Estiven guionizando, facendo textos pero decanteime por usar só a voz dos artistas a medida que ía montando e vía que eles eles o ían explicando tan ben. Eu son locutor e cóstame non falar, pero neste caso mordinme a lingua. Está todo visto dende o punto de vista do artista. A eles parecíalles case unha miragre que alguén estivera facendo un proxecto destas características.
-Como creador carballés, como ves o movemento creativo na vila?
-Está vivindo Carballo unha segunda xuventude artística: temos o Carballo Interplay, o Fiot, bandas musicais... Carballo pode presumir moito. Non sei se os carballeses se dan conta. A xente de fóra si que o nota. A nós entrevistáronnos na TVG e dicianos que estabamos nunha illa a nivel cultural e artístico. Isto é algo que non se está facendo noutros lugares.