Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Proxecto Neme: Tecendo o noso arquivo audiovisual

Compartir:

Proxecto Neme: Tecendo o noso arquivo audiovisual

Alumnas e alumnos do Instituto Parga Pondal están a elaborar un arquivo audiovisual coa memoria da nosa comarca. Ti podes participar cos teus vídeos antigos.

Seguro que pola casa tes un vello VHS que agora nin sequera podes visualizar porque a irrupción do dixital xa o deixou obsoleto. Se recolle, dalgún modo, parte da nosa memoria como vila, como pobo, como comunidade, fáillela chegar ao alumnado do Instituto Monte Neme, que están a traballar, xunto coa organización do Carballo Interplay, o primeiro festival internacional de webseries, na elaboración dun arquivo dixital coa memoria audiovisual do noso concello. O éxito dependerá de todas e de todos nós. Se tes algo que achegar escríbelles a proxectoneme@gmail.com ou déixalles o material na conserxería do instituto co teu nome, teléfono e/ou mail para que se poidan poñer en contacto contigo unha vez rematen de traballar con el. Devolveranche o material que lles entregaches xunto cunha copia dixitalizada, que pasará tamén a formar parte do arquivo audiovisual.

Até o de agora, o Proxecto Neme xa se foi facendo con algún que outro material de interese, como as imaxes dunha feira agropecuaria dos anos 50 na nosa vila, coa visita de altos cargos franquistas, ou esceas da represión da garda civil contra as persoas que, en 1977, se manifestaron polo uso público da lagoa de Baldaio, que levaba décadas sendo explotada a pracer por unha empresa areeira.

Entre xeracións

"O proxecto Neme nace con tres obxectivos: traballar a memoria de Carballo, fomentar a relación da rapazada coa xente maior e fornecer de formación audiovisual básica."

O proxecto Neme nace con tres obxectivos: traballar a memoria de Carballo, fomentar a relación da rapazada (alumnos e alumnas de cuarto da ESO e de primeiro de Bacharelato) coa xente maior e fornecer de formación audiovisual básica.

Ademais da tarefa de compilación de vídeos antigos, están a levar a cabo outros dous intereantes exercicios: as faladas e os saltos no tempo. Nas "faladas", convidan ás persoas maiores a falar douros tempos ao redor dunha foto antiga. No "Salto no tempo", o alumnado parte dunha foto antiga para intentar reproducir, co mesmo encadre, o lugar no que foi feita na actualidade. Os resultados están a ser colgados no seu blog e na súa canle de youtube. Completan a súa presenza en redes sociais con conta no facebook e no twitter.

As orixes

Cada vez están máis en auxe os arquivos audiovisuais dixitais que recuperan a memoria dun determinado lugar. En Galicia temos o proxecto Socheo, que ten por detrás a Xurxo González e Beli Martínez, a encargada de impartir o obradoiro co IES Parga Pondal. Son xa catro anos os que levan recuperando a memoria audiovisual da Guarda e dos arredores. A idea xurdiu da presentación na Guarda do seu filme Vikingland, construído a partir das imaxes dun mariñeiro no barco. Nese momento foron varias as persoas que se dirixiron a eles indicándolles que contaban con imaxes similares e aí comezou a xerminar a creación dun arquivo audiovisual con elas.

Cada vez, Beli e Xurxo son máis coñecidos na zona, e cada vez a xente lles confía máis os seus vídeos. Dixitalízanos, devólvenllos aos seus propieterios/as xunto cunha copia dixital, e deles, escollen, para subir á rede, aqueles que fan referencia á memoria do colectivo, da vila, para subilos á rede descartando os que son só de carácter persoal.

O dixital fai que as anteriores limitacións para o acceso a arquivos hoxe en día xa non teñan sentido. Mesmo filmotecas destacadas, como a de México, están a elaborar xa os seus arquivos domésticos. Proxectos similares ao Socheo son o San Sadurniño e o Lugar do Real. Agardemos que dentro de pouco, Carballo tamén se poida unir á lista.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica