Carballo a un paso

Inicio // Que ver // Patrimonio // Patrimonio relixioso // Igrexas

Compartir:

Igrexas

Igrexa de Santa María de Rus

Igrexa de Santa María de Rus

Igrexa de Santa María de Rus

S. XVII-S. XIX. Barroco - Casal de Perros. Rus
Coordenadas UTM X = 526727 Y = 4778543

É a igrexa de maior valor arquitectónico do concello e un dos exemplos máis importantes do barroco en Bergantiños. De grandes dimensións, o templo destaca fachendoso sobre a paisaxe da contorna nun terreo situado a media ladeira, que o fai ben visible en toda a contorna.

Levou case dous séculos construílo. Comezárono no XVII e non o rematarían até o XIX, de aí que nel se mesturen o estilo barroco, que é o predominante, o rococó e tamén o neoclásico, presente nas liñas rectas e clásicas da súa fachada e en tres dos seus retablos. Na súa construción participaron destacados mestres composteláns, como Tomé del Río, que tamén traballaría nas obras da catedral de Santiago.

A parroquia de Rus dependeu, de vello, do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario. Foron precisamente os monxes de San Martiño os que impulsaron a construción da igrexa. No século XVII comeza unha época de boas colleitas. Introdúcese o millo e a pataca, que viñeran de América. Son bos anos para o campo e tamén para a Igrexa, que lle cobraba rendas e tributos á xente labrega por traballar nas leiras. De aí que os monxes de San Martín Pinario se animaran a construír unha igrexa destas dimensións e tan custosa para a época. E de aí tamén que participaran nela tan importantes mestres composteláns.

O templo custodiou ao longo do tempo unha xoia da ourivaría: unha cruz procesional, toda feita en prata, posiblemente do século XVI, de case un metro de alto.

Igrexa de San Cristovo de Lema

Igrexa de San Cristovo de Lema

Igrexa de San Cristovo de Lema

S. XII. Románico e barroco - O Igrexario. Lema
Coordenadas UTM: X = 527093 Y = 4792545


Esta igrexa ten as súas orixes no século XII e é a que garda máis restos románicos. Poderás velos no seu interior, concentrados na zona da ábsida, onde se garda o retablo maior. Fíxate no arco triunfal que a enmarca, erguido sobre dúas columnas adornadas con capiteis de decoración vexetal.

Tamén é románico o muro da cabeceira cos seus canzorros figurados (as pedras que sobresaen da parede para soster as vigas no seu extremo). Agás os vestixios románicos, o templo é fundamentalmente barroco. Conta con dous retablos barrocos, un deles dedicado a San Xosé, que amosa ao santo co neno collido da man.

É tamén de grande interese o conxunto que rodea a igrexa: o adro, o cemiterio vello, o cruceiro e a antiga casa reitoral, con hórreo e pombal. Preto está a Casa da Torre, que ao parecer foi fundada xa no século XVII.

Igrexa de Santiago de Sísamo

Igrexa de Santiago de Sísamo

Igrexa de Santiago de Sísamo

Románico, barroco e neoclásico - O Outeiro. Sísamo    
Coordenadas UTM: X = 522617 Y = 4784741

Santiago de Sísamo é dos templos carballeses de orixe máis remota. Resulta interesante pola mestura dos estilos románico, neoclásico e o barroco. 

Consideran os historiadores que a ábsida da igrexa (a zona onde se ergue o retablo maior) remóntase xa ao século XIII e é de estilo románico, ao igual que as semicolumnas que presiden a entrada á capela maior, adornadas con capiteis de decoración vexetal. Este antigo templo foi construído preto dun castro da época prehistórica. 

O barroco está presente no seu altar maior coa imaxe do patrón, Santiago peregrino, e un baldaquino, así como nos dous altares con retortas columnas salomónicas do último tramo da nave, dedicados a Santo Antón e á Virxe do Carme.

As liñas equilibradas e sinxelas do estilo neoclásico dominan a fachada, moi similar á da igrexa de Sofán, que sería levantada uns anos despois e á que lle serviría de modelo.

Igrexa de Santa María de Noicela

Igrexa de Santa María de Noicela

Igrexa de Santa María de Noicela

S. XVI - A Casanova. Noicela 
Coordenadas UTM: X = 529565 Y = 4792994


A igrexa de Santa María de Noicela ten a súa orixe no século XVI. Na súa fachada poden verse aínda dous antigos escudos labrados en pedra: o da esquerda, correspóndelle aos pais agostiños e o da dereita, á familia Bermúdez de Castro, con señorío en Caión, do que dependía esta freguesía. A fábrica da igrexa é románica.

Chama a atención, deste templo, o seu campanario, situado no lateral esquerdo, non no centro, como é o habitual. Aínda que data do século XVI, as posteriores reformas que sufriu fixeron dela unha igrexa fundamentalmente barroca.

Pecha o adro un muro, coroado por unha serie de cruces que son parte dun viacrucis. A casa da reitoral, hoxe en día deshabitada, é do século XIX. Moi preto está o río Rapadoiro. Esta foi, en época pasada, lugar de feira de gando.

Igrexa de San Breixo de Oza

Igrexa de San Breixo de Oza

Igrexa de San Breixo de Oza

Barroco - A Igrexa. Oza
Coordenadas UTM: X = 524543 Y = 4789061


A igrexa de Oza destaca polo seu altar maior, que vén a ser o mellor retablo barroco da contorna. Foi adquirido a comezos do século XVII, ao igual que tantos outros retablos e imaxes dos templos esparexidos polo concello. Naquela época de boas colleitas e ingresos, a Igrexa pretendía, con fastuosas decoracións, impresionar os crentes coa idea de achegalos así á dimensión celestial.

Parte do que custou o altar maior pagouse vendéndolle o anterior á igrexa de San Salvador de Rebordelos. É obra do escultor Francisco Rodríguez Gómez, ao igual que os retablos laterais da Virxe do Carme, e do Cristo e da virxe das Dores. Os anteriores tamén foron vendidos, neste caso ás igrexas de San Miguel de Vilela e de San Cristovo de Cerqueda.

San Breixo é coñecido como "o santo da casaca", e podes velo na fachada ataviado con tal prenda.

Moi preto da igrexa tes un dos poucos petos de ánimos do concello, en forma de capeliña. Os petos de ánimas foron construídos para redimir as almas das persoas defuntas.

Igrexa de San Xens de Entrecruces

Igrexa de San Xens de Entrecruces

Igrexa de San Xens de Entrecruces

Barroco - A Igrexa. Entrecruces
Coordenadas UTM: X = 524543 Y = 4789061

A igrexa de San Xens domina, a media ladeira, as terras verdes e húmidas de Entrecruces. Foi construída no século XVII e é bo exemplo do predominio que a arquitectura barroca acadou no noso concello.

No seu interior destaca o seu retablo maior, tamén barroco, ao igual que os retablos laterais. É de factura similar ao de San Martiño Pinario en Santiago e está coidadosamente decorado con elementos propios do barroco, como as retortas columnas salomónicas.

A igrexa foi obxecto de diversas ampliacións e obras, como a reconstrución que se fixo da torre, no 1899, debido aos danos causados por un raio. O templo foi restaurado recentemente.

Fermoso é o cruceiro que atoparás na parte traseira da igrexa, de fina e esvelta talla, cunha cruz circular leñosa erguida sobre querubíns.

Igrexa de Santa María de Ardaña

Igrexa de Santa María de Ardaña

Igrexa de Santa María de Ardaña

Barroco - A Igrexa. Ardaña
Coordenadas UTM: X = 525921 Y = 4780980

A igrexa de Santa María de Ardaña pode gustar ou non pero, en todo caso, non deixa indiferente. A súa peculiar torre de campanario sorprende tanto pola súa esvelteza como polo contraste que supón co resto do templo. Foi construída a mediados do século XX, dunha soa peza de formigón pintada de branco, e resalta sobre o resto do templo, con muros de pedra.

Esta igrexa foi reedificada en 1952. Nesta época, o formigón e o ladrillo van substituíndo ao que até entón foran os materiais típicos neste tipo de construcións, a pedra e a madeira.

Destaca no seu interior o xogo de cruces entre bóvedas de medio punto e de cruzaría, realzado pola luz que entra a través dos ocos abertos nos muros do templo.

A igrexa de Santa María conserva trazos barrocos, como a fornela con arco en forma de cuncha de vieira que garda, na súa fachada, a imaxe da virxe en posición orante.

Merece atención o cruceiro que atoparás á súa beira. A súa cruz imita a superficie nodosa das árbores e nela aínda se poden ver restos de pintura, típico de tempos pasados, nas imaxes do Cristo crucificado e da Virxe en posición orante.

Igrexa de San Lourenzo de Berdillo

Igrexa de San Lourenzo de Berdillo

Igrexa de San Lourenzo de Berdillo

Historicista - A Igrexa. San Lourenzo
Coordenadas UTM: X = 528628 Y = 4784853


A igrexa de San Lourenzo de Berdillo rematouse de construír no 1931. Aínda que é unha das máis recentes do concello, conserva, porén, interesantes elementos de épocas anteriores, como o seu retablo maior, neoclásico, e os dous laterais, barrocos.

Cómpre prestar atención á súa historia, porque é un bo espello do que aconteceu coa arte eclesial no século XIX no noso concello. En apenas cen anos, Berdillo contou con tres igrexas parroquias distintas. A antiga estaba situada onde agora está o cemiterio e foi substituída por unha nova cara ao 1833. Porén, a mala calidade dos materiais empregados e os problemas construtivos e estruturais da obra fixeron que, un século despois, fora preciso erguer unha nova.

E é que no século XIX, trala desamortización dos seus bens polo Estado, a Igrexa presentaba serios problemas de financiamento e non podía facer grandes investimentos en obra. Así que, mentres no concello contamos con abondosos templos dese momento dourado que para a Igrexa foi a época que coincidiu co barroco, onde as boas colleitas facían que o diñeiro non lle faltase, porén, contamos con poucos templos do século XIX. Os construídos en Berdillo e en Carballo nesa época tiveron que ser derruídos pola súa mala construción.

Igrexa de Santa María de Bértoa

Igrexa de Santa María de Bertoa

Igrexa de Santa María de Bertoa

S. XIX - Bértoa
Coordenadas UTM: X = 526223 Y = 4786110

A igrexa de Santa María de Bértoa foi construída no século XIX á beira da actual estrada que vai á Coruña. O lugar foi escollido, precisamente, por tratarse dun espazo céntrico e accesible. O anterior templo estaba situado xunto ao cemiterio, costa abaixo, no lugar do Fondal.

A igrexa é de liñas sinxelas, con muros de cachotaría con esquinais e vans de cantaría, planta de cruz latina e bóveda de canón. No seu interior, garda unha figura que merece interese: un Cristo gótico.

Igrexa San Salvador de Sofán

Igrexa San Salvador de Sofán

Igrexa San Salvador de Sofán

1722. Barroco e neoclásico - A Praza. Sofán 
Coordenadas UTM: X = 529502 Y = 4783024

A de San Salvador é unha ampla igrexa de estilo barroco e fachada neoclásica que se sitúa no lugar da Praza, na baixa de Sofán.

Este templo parroquial foi construído no 1722 e reformado un século despois. Foi entón cando se construíu a súa fachada actual, que imita á da igrexa de Sísamo, e na que destaca o seu alto campanario.

Tanto na fachada como nun dos seus laterais poderás ver o escudo da familia Vilar de Francos, o que amosa a súa estreita vinculación con esta parroquia. De feito, a parroquia de Artes, onde está situado o coñecido pazo, foi durante moito tempo anexa da de Sofán.

Destacan, no seu interior, tres retablos barrocos (o maior, o da Virxe do Rosario e o das Ánimas) e dous neoclásicos (o Ecce Homo e o da Virxe das Dores).

No adro da igrexa encóntrase un dos cruceiros máis antigos do concello, datado no ano 1660. E, xunto a un dos laterais da igrexa, atoparás un xardín no que estivo situado o antigo cemiterio, protagonista dun dos capítulos máis tristes da historia da parroquia.

No ano 1919, as autoridades locais quixeron clausurar este cemiterio malia á oposición veciñal. A elevada mortaldade provocada pola gripe española fixo que quedara pequeno, e foi construído un novo, mais a xente opoñíase a enterrar aos seus nel. O 16 de outubro, a garda civil quixo impedir o soterramento dun meniño no cemiterio vello e cargou contra a veciñanza. Asasinaron a catro mulleres cos seus disparos.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica