Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Guía para visitar a Feira das Oportunidades

Compartir:

Guía para visitar a Feira das Oportunidades

Descontos de até o 70% promete a Feira das Oportunidades que congregará ao comercio local esta fin de semana en Carballo.

Todos os primeiros domingos de feira do mes de marzo, dende hai xa sete anos, en Carballo temos unha cita importante co comercio local. É a nosa Feira das Oportunidades, que ten non poucos atractivos: descontos de até o 70 por cento coa garantía de seren todos eles produtos de stock das tendas da vila. E como non hai mal que por ben non veña, e esta foi unha tempada de inverno dura para o comercio, todo fai prever que imos contar cunha moi nutrida Feira das Oportunidades, tal e como nos explica a xerenta do Centro Comercial Aberto de Carballo,  Mari Carmen Freire.

Serán un total de 34 stands, todos eles de comercios asociados ao CCA Carballo, nunha carpa que se situará pretiño do río Anllóns, no Parque do San Martiño. E haberá dende tendas de calzado, roupa, puericultura ou deportes, até electrodomésticos, maquinaria e mesmo combustíbel de biomasa. Os maiores descontos terán lugar nos produtos de moda (calzado e téxtil) que agora se vén na obriga de deixar libre o almacén para a tempada de primavera.

Domingo de feira dobre

A entrada, como en anos anteriores, será de balde, e o horario, de dez da mañá a nove da noite, de maneira ininterrumpida, o sábado e o domingo.

O número de asistentes noutras edicións estimouse en máis de 20.000. O pico de maior afluencia está previsto para o domingo pola mañá, pois coincide coa primeira feira do mes en Carballo e todo o comercio local está aberto. É un día excepcional para visitar a nosa vila pois, ao mesmo tempo que podes aproveitar as últimas rebaixas do inverno tamén terás posibilidade de mercar os produt@s da horta e do campo que se ofrecen na feira, ir ao mercado de abastos a comprar un bo peixe ou a mellor carne, ou procurar algunha "ganga" no mercadiño do barrio da Milagrosa.

Se, porén, prefires mirar e remirar con calma e de maneira máis relaxada, o mellor día é o sábado. E, se vas traer peques contigo, tanto o sábado como o domingo pola tarde, poderás deixar que gocen nos obradoiros de maquillaxe e globoflexia que se organizarán para a cativada.

E non te confundas, atoparás auténticas gangas, mais non sempre prezos irrisorios, pois na Feira das Oportunidades poderás encontrar tamén produtos de gama maior con boas ofertas.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica