Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O entroido en Carballo

Compartir:

O entroido en Carballo

Don Carnal fará das súas nun entroido que, na vila, terá dúas citas grandes: o concurso de disfraces e o enterro da Sardiña.

O entroido chega ás terras carballesas con moitas ganas de pasalo ben. Pon a máscara ou saca a que levas posta o resto do ano e enche as nosas rúas coas mellores vibracións. O domingo foi o noso día grande, co desfile de disfraces, comparsas e carrozas que, nos últimos anos, se ten convertido nun reclamo para choqueiros de toda a comarca e alén. Mais don Carnal fará das súas o resto dos días do entroido, nas moi diversas actividades que se organizarán na vila e nas aldeas, até o seu último suspiro, que en Carballo será co cortexo fúnebre do Enterro da Sardiña no río Anllóns,o martes pola noite.

Máis de 7.000 euros se repartirán, entre ambas as dúas citas, entre premios e subvencións.  O concurso de disfraces foi presentado por Toño Casais, coñecido mediaticamene pola súa participación en series da Televisión de Galicia como "Libro de familia" e "Serra Moura", ou en programas como Luar. Da animación do enterro da Sardiña encargarase a Aula de Teatro Municipal xunto coa Cruz Vermella e, como non, todos aqueles grupos que, correctamente enloitados, e dispostos a dalo todo entre choros, participen do cortexo fúnebre.

Don Carnal non se esquecerá de cativ@s e maiores. Para as minchas da casa, organizaranse obradoiros na Ludoteca Municipal o luns e o martes de entroido, ás cinco e media da tarde. Para a xente maior, baile da terceira idade o martes.

De Carballo a Ourense

Dende Carballo, mais sen desprazarnos, tamén poderemos viaxar até o entroido ourensán, alí onde o espíritu de don Carnal máis vivo está, reencarnado nas tradicións galegas. Dende o xoves, 12 de febreiro, até o 1 de marzo, a exposición de Rita Blanco Fernández no Pazo da Cultura achegaranos, a través de imaxes e traxes, a tres das súas figuras máis características, a Pantalla, o Felo e o Vergalleiro, representativas, respectivamente, dos entroidos de Xinzo de Limai, Maceda e Sarreaus de Xinzo.

O programa do entroido completarase con bailes de disfraces e festexos propios en moitas das aldeas do Concello, así como no barrio de San Cristovo, na vila, e no mítico Casino de Carballo.

O programa completo, no documento que abaixo se adxunta. Información para participar no concurso de disfraces e no enterro da sardiña, neste enlace.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica