Axenda da finde
Chévere inaugura con teatro unha fin de semana que estará protagonizada pola celebración, no Fórum na segunda edición de Expovoda.
VENRES
Teatro. Ultranoite "O país dos Ananos". Pazo da Cultura. 21.00h. O grupo Chévere, que en 2014 se converteu na primeira compañía galega en recibir o Premio Nacional de Teatro, estará en Carballo para presentarnos "Ultranoite no país dos ananos". Humor e transgresión de xéneros estarán moi presentes nesta sucesión de sketchs que constitúen esta caste de cabaré ou musical ao redor da derrota.
TODA A FINDE
Expovoda. Fórum. De 11.00 a 21.00h. O Centro Comercial Aberto organiza nesta segunda fin de semana a segunda edición de Expovoda, que nesta ocasión contará cun total de 25 expositores onde estarán representados os máis diversos sectores relacionados coa celebración de vodas, comuñóns e outros eventos similares, dende téxtil, até xoeiería, perruquería ou fotografía. Prezo da entrada: 2 euros. Máis info aquí.
Exposición fotográfica "Tinta". Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00h. O fotógrafo carballés Juan Casares adéntrase no mundo da tatuaxe na súa exposición "Tinta". Son, en total, 21 fotos a cor, froito do traballo realizado durante seis meses polo artista en contacto cun estudo de tatuaxe. Pode visitarse todos os días da semana, de 18.00 a 21.00 horas, no andar -1 do Pazo da Cultura. Máis info aquí.
Exposición "Pintura sobre papel". Pazo da Cultura. Xulio García Rivas presenta, no Pazo da Cultura, unha mostra composta por diversos acrílicos e acuarelas que falan de pintura e de abstracción e figuración como conceptos non opostos. A paisaxe da Costa da Morte deixa unha intensa pegada nos últimos traballos deste artista. A mostra pode visitarse todos os días da semana, de balde, no terceiro andar do Pazo da Cultura.
Xornadas de interpretación da lagoa de Traba: A asociación carballesa Senda Nova organiza, nesta fin de semana, unhas xornadas de interpretación da Lagoa de Traba, no concello de Laxe. A sesión inicial será o sábado pola tarde no local social de traba, a partir das catro, cunha serie de tres charlas que abondarán en aspectos como a importancia ecolóxica deste espazo natural e a súa riqueza ornitolóxica. A segunda e última sesión consistirá nunha saída ao medio o domingo pola mañá, que incluirá o avistamento de aves e unha pequena ruta. O punto de quedada será na propia lagoa. A participación é libre.