Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Quedando en Galicia é como se fai país"

Compartir:

"Quedando en Galicia é como se fai país"

Xacio Baño imparte no Formacip o obradoiro de curtametraxe

Xacio Baño vai a contracorrente. En tempos nos que o futuro semella vivir non só noutra dimensión temporal, senón tamén espacial, e non precisamente preto de Galicia, el aposta por ficar á beira da xente que quere, coma o seu avó e a súa avoa, protagonistas da curta "Ser e voltar". Con ela estivo a un tris de entrar nas nominacións aos Goya. Estes días imparte no Formacip o Obradoiro de Curtametraxe.

-Como está a transcorrer o curso, Xacio?

-É un grupo interesante, hai xente que está comezando e outra que sabe máis, que está máis dentro do mundo audiovisual. Quixen achegarlles unha primeira ollada ao mundo da curtametraxe, facerlles un varrido ao redor de diversas cuestións: o circuíto de festivais, como se fai unha curta, como gañar cartos facendo unha curta, exemplos de curtas que triunfaron...

-E como gañar cartos facendo curtas?

-Facendo curtas boas (risos).

-Si?

-Hai curtas que gañan premios, véndense a televisión, fan pases especiais... Non é o normal. O normal é que fagas unha curta, vaia a dez festivais e non gañes nada. Mais si que traballando duro e dándolle un bo enfoque á curta pódense conseguir cousas, e vivir algo dela.

-Ti fixeches xa varias curtas, premiadas e con moi boa acollida. Consegues vivir do teu traballo?

-A día de hoxe, si, vivo do que fago no audiovisual, que non son só curtas, senón tamén outras cousas, como algún traballo de encargo. Varios colegas, compañeiros e compañeiras, si que poden vivir das curtas. É como calquera traballo. Hai que dedicarse a el, darlle ao coco, vivir case para el.

-Como vives o momento actual do audiovisual, coa crise do fondo?

-Eu non coñezo tempos anteriores. Eu creo que se traballas e pos da túa parte, pódese intentar vivir, pero hai que pasar moitas horas. As televisións cada vez pechan máis portas, pagan menos, hai menos festivais, menos dotación económica, non acaba de despegar de todo internet á hora de revertir en diñeiro aos creadores, pero a necesidade de contar historias está aí, e hai que seguir inténtándoo.

"En tempos tan fastidiados, aínda que haxa ofertas máis suculentas, e en teoría un porvir máis bo fóra, eu non podo marchar. Prefiro estar preto da miña familia"

-É a primeira vez que estás en Carballo?

-É a primeira vez que estou en Carballo. Tiven a sorte de que Sonia Méndez me convidase a ser programador do festival o ano pasado mais non puiden. Este ano si estou como programador, vendo as webseries que chegan. Paréceme unha iniciativa estupenda que coloca no mapa a vila ou a cidade, como a queiras chamar. Este ano vai ser unha programación estupenda. 

-Traballo arduo o de seleccionar entre todas as webseries que chegan...

-Son da idea de que se ves cine, pensas en cine, comes vendo cine, ao final, gañas en experiencia e maneiras de ver, que che fan aprender.

-Pódesme dicir algo do material que che vai chegando?

-Non (risos). Hai cousas moi boas. O ano pasado quedamos contentos co festival, e este ano coido que vai ser moito mellor. O de abrir o festival internacionalmente é toda unha aposta.

-Estades coa parte práctica do obradoiro de curtas, en que consistirá?

-Imos facer dúas pezas tampouco moi complicadas, para perderlle o medo á cámara, ao cinema, a contar. Ímolas gravar por Carballo e imos aproveitar os murais do "Derrubando muros con pintura"  para metelos nas pezas que fagamos. Non vai ser nada doutro mundo, imos ser nós mesmos os actores.

-A túa curta documental, "Ser e voltar", que agora está a circular con moi boa aceptación, está centrada no teu avó e na túa avoa. Ser é voltar?

-Para min, é así. Ten relación coa miña familia. En tempos tan fastidiados, nos que non hai traballo e a xente emigra, aínda que haxa ofertas máis suculentas, e en teoría un porvir máis bo fóra, eu non podo marchar. Prefiro estar preto da miña familia. Non me dá a cabeza nin o corazón para marchar, aínda perdendo saídas laborais.  A veces perder un pouco é gañar moito. Quedando en Galicia é como se fai país. Aínda que respecto moito o de emigrar e buscar o traballo fóra, eu non podo. Moita xente da miña carreira está traballando fóra por propia vontade, en Londres, en Francia... Eu non quero perder os últimos anos de vida dos meus avós por mellorar eu.

Xacio Baño no Obradoiro de Curtas en Carballo

Xacio Baño no Obradoiro de Curtas en Carballo

-Estiveches a un tris de ser nominado para os Goya...

-Aí andei, aí andei, faltoulle pouco. Non tiven ao mellor nin toda a convicción nin os cartos para facer a promoción, pero estivemos preto. Non esperaba para nada chegar a este punto cos Goya. Gustoume moito porque conseguín repercusión coa película e os meus avós conseguiron repercusión alí onde viven. É como devolverlle un pouco parte do seu cariño, da súa atención.

-Ti formas parate desa xeración do novo audiovisual galego...

-Gústame que me digan que son novo (risos) Do novo audiovisual galego si que son. Supoño que son da xeración do novo cinema galego. Hai xente que di que si e tamén quen di que non. Mais non me gustan as etiquetas. Eu intento facer, con cada peza, algo distinto ao que anteriormente traballei. Non quero que se me "encasille". Gústame moito o que acontece no novo cinema galego. E unha xeración de cineastas que están facendo cousas interesantes. Non contaba ninguén que xente nova e non tan nova pase obras galegas polo mundo adiante.

-En 2012, cando desapareceron as axudas ao talento audiovisual, da Agadic, ti foches unha das voces que se pronunciou de maneira crítica. Un ano despois volvéronse recuperar. Que opinión che merecen?

-Creo que é unha das mellores cousas que hai no audiovisual galego e que nos diferencia de calquera outra zona de España e do mundo. Son axudas que van ao creador, sen unha empresa polo medio. A administración confía na persoa á que lle dá os cartos. Hai unha competencia moi boa e cada ano saen varias curtas e longas que merecen a pena.

-Neste clima pre-Goya, estase a dicir que este foi un bo ano para o cinema estatal. E para o galego?

-Eu penso que o ano foi bo. O éxito de A Esmorga en Galicia é unha boa nova. Creo que Os fenómenos tamén merece moito a pena vela. Está A Costa da Morte, de Lois Patiño, que vai polos cen festivais en todo o mundo. Hai outra longa que ganou no Festival Europeo de Sevilla, que aínda non está nos cinemas, Las altas presiones, de Ángel Santos. É un bo momento. Temos unha boa xeración. Neste grupo de novos cineastas galegos hai unha comunidade, unha comunicación entre eles, un compartir ideas e traballos... Se todos empurramos, ao final o barco móvese máis rápido.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica